O Consello da Cultura Galega e a Fundación Cela poñen en rede parte das cartas recibidas polo autor de Padrón

PADRÓN

O portal arranca coa dixitalización de 321 epístolas, das máis 4.000 que lle enviaron distintas personalidades doe varios ámbitos de Galicia
11 mar 2025 . Actualizado a las 13:24 h.O Consello da Cultura Galega e a Fundación Cela presentaron esta mañá en Padrón o portal As Epístolas Galegas de Camilo José Cela, que xa está dispoñible na rede (en concreto na web do Consello) con 231 cartas recibidas polo premio nobel de literatura, de boa parte dos autores máis significativos da cultura de Galicia na segunda metade do século XX. O acto, celebrado no paraninfo da Fundación Cela de Iria-Flavia, estivo presidido pola responsable do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, xunto coa directora xerente da entidade padronesa, Covadonga Rodríguez e o director xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo. Por parte do Concello, que é padroado da fundación, asistiron os concelleiros Laura Horta e Luis Mariño.
O proxecto das epístolas galegas de Cela comezou a fraguarse no ano 2016, coincidindo coa conmemoración do centenario do seu nacemento, pero o convenio entre o Consello da Cultura Galega e a Consellería de Cultura non se firmou ata o 2018 e non foi ata hoxe cando se presentou a dixitalización e posta a disposición pública do fondo de cartas recibido polo escritor de Iria-Flavia. Arranca con 231, enviadas por 30 persoas pero, en total, as recibidas son máis de 4.000 e tanto o Consello da Cultura Galega como a Fundación Cela están desexando seguir co proxecto e dar a coñecer novas cartas, de modo que Covadonga Rodríguez xa adiantou que entre as próximas estarán as de Gonzalo Torrente Ballester e o poeta José Ángel Valente.
A directora xerente da Fundación Cela resaltou a importancia deste proxecto para a institución padronesa porque supón, segundo dixo, dar a coñecer un lado do escritor que semella solapado, en alusión ao seu galeguismo, polo que aí están a disposición de todos as cartas que recibiu de persoeiros da cultura galega e doutros ámbitos, pero tamén de amigos e do seu entorno.
Rosario Álvarez asegurou que o fondo de cartas de Cela é «unha achega importante paera comprender o vínculo permanente do autor con Galicia e co seu tecido social e cultural e mesmo para comprender como era ese tecido en si». Nesta liña, a presidenta do Consello da Cultura Galega salientou a «ampla e tupida rede de relacións de todo tipo que mantivo Cela coa sociedade galega, tanto no eido da intelectualidade galeguista e académica máis ampla coma noutros ámbitos».
Pola súa banda, o director xeral de Cultura falou de que a colección epistolar de Cela está formada por máis de 95.000 cartas, entre escritas e recibidas, intercambiadas con case 13.000 persoas da vida social, política e cultural da segunda metade do século XX. O proxecto presentado hoxe céntrase nas cartas recibidas, pero a Xunta confía en conseguir a propiedade intelectual das escritas por Cela (os dereitos son do fillo) para poder difundir un día as epístolas escritas tamén polo premio nobel. Anxo Lorenzo sinalou, ademais, que as cartas publicadas «perniten coñecer a Cela máis alá da súa obra literaria e achegarse ao seu sentimento de galeguidade».
Na primeira fase do proxecto están a disposición da cidadanía 231 misivas, entre as que abondan as de Celso Emilio Ferreiro, embaixador da revista Papeles de Son Armadáns en Galicia; as de Isaac Díaz Pardo; as do padroado da Fundación Rosalía de Castro así como as relacionadas coa tradución ao galego da novela La familia de Pascual Duarte, entre as que se inclúe o manuscrito do prólogo de Otero Pedrayo e as misivas sobre a tradución que realizou Vicente Risco, entre outras.