Carlos Silva: «Ningún neno queda sen atender porque non estea o seu pediatra»

Uxía López Rodríguez
uxía lópez ROIS / LA VOZ

ROIS

MERCE ARES

Este pediatra de Rois e Dodro e a que atende en Padrón foron pioneiros en turnarse para asistir aos menores nos meses de verán

28 jun 2019 . Actualizado a las 05:10 h.

Dende hai máis de vinte anos, os dous pediatras que prestan servizo nos centros de saúde de Padrón, Rois e Dodro túrnanse no verán para atender a tódolos nenos menores de 3 anos en xullo e agosto durante as vacacións dun e doutro profesional, ante a falta de substitutos para cubrir a súas ausencias por vacacións. Carlos Silva Hermo e María Antonia Ventura (xa xubilada) foron pioneiros neste modo de organización.

-De quen foi a iniciativa?

-Dos dous pediatras. Chegado o verán atopabámonos co problema de atender o servizo de pediatría en xullo e agosto, que é cando normalmente collemos as vacacións. Non había substitutos e optamos por arranxar o problema entre os dous. Ao principio, a atención por quendas era para nenos de calquera idade pero co paso dos anos decidimos facer o corte nos tres anos.

-Este verán, repiten?

-Si, igual que o ano pasado. Eu vou de vacacións en xullo e ese mes encárgase a pediatra de Padrón, Nieves Fernández, e en agosto é ao revés, coa salvade de que ese mes eu irei todos os días a Padrón dunha da tarde a dúas ou dúas e medias para atender a consulta. Ademais, por primeira en agosto vez tamén serei o pediatra de referencia de área ao coller vacacións a pediatra de Cesures e Valga.

-As familias xa están habituadas ás quendas?

-Si. As citas inaprazables, como vacinas ou controles de saúde para menores de tres anos, xa se programan directamente co pediatra que está en activo, polo que non hai maior problema.

-Nestes anos, houbo algunha queixa?

-Persoalmente non teño constancia de ningunha, nin de palabra nin por escrito.

-Cúmprese o que di sempre de que ningún queda sen atender?

-Clarisimamente si. Ningún neno queda sen atender porque non estea o seu pediatra ou porque teña máis de tres anos.

-Os médicos de cabeceira, son receptivos a atender os nenos de máis de tres anos?

-A uns cústalle máis que a outros porque non están habituados, pero resolven a consulta e agora é máis fácil coa historia clínica, na que están os tratamentos e axuda moito nestes casos.

-A que cre que se debe que se siga con falta de substitutos tantos anos despois?

-É un problema de administración política xa que todos os profesionais sabemos que, alomenos dende hai 15 anos, non hai profesionais para repoñer pediatras e médicos de familia. E é un problema de formación do MIR en pediatría e médicos de familia entre a Consellería de Sanidade e o ministerio, que teñen que incrementar as prazas de formación. Tamén é mellorable a xestión dos postos de traballo. Non se pode contratar un médico de familia por horas ou a media xornada. É un profesional que botou 8 u 10 anos da súa vida formándose e que busca unha estabilidade, que lle dan noutros lados.