Buxán, en Rois, queda sen ningún bar co peche hai uns días do de Miguéns e despois de que a parroquia chegara a ter catro
21 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Co peche definitivo da taberna Miguéns do Piñeiro, en Buxán, esta parroquia de Rois queda sen ningún bar despois de ter catro abertos ao mesmo tempo. Graciela Miguéns Rois pecha a porta dunha taberna que levaba aberta arredor de medio século na actual casa familiar, pero que abrira o seu avó na parte do serradoiro arredor de 1958.
Pecha a porta por motivos de saúde de súa nai, Leonor Rois, de 79 anos, de quen recibiu a titularidade. Ademais, engade, «dende fai dez anos, a taberna xa non era rendible, salvo nas festas patronais; pódese dicir que estaba subvencionada por miña nai», explica Graciela Miguéns en alusión á falta de actividade do bar, que tamén funcionou como ultramarinos.
«Os maiores foron morrendo e cada vez hai menos nenos, polo que as aldeas van a menos e os clientes tamén. Se non hai xente nas casas, non a pode haber nas tabernas», resume á perfección Leonor Rois a causa do peche dos bares no rural. «Empezamos pechando polas tardes porque pola semana xa non era rendible», lembra a súa filla.
A taberna desta familia está ben situada xunto á igrexa parroquial, polo que tiña clientela extra nas festas patronais, os días de misas, enterros e demais, pero «cada vez tamén hai menos xente nas igrexas», lamenta Leonor Rois. «Non hai o ambiente de antes; o cambio de vida de antes ao de agora é moi grande nas aldeas e isto morre totalmente», engade a veciña do Piñeiro que durante décadas estivo detrás do mostrador.
«Dá pena cerrar, pola xente da parroquia pero tamén polos que veñen de fóra e polas festas, incluso polas orquestras, que agora non teñen onde tomar nin un café. Intentaremos que nas festas do próximo ano alguén a abra para eses días», avanza Graciela Miguéns.
Co peche agora da taberna de Miguéns e uns trece anos atrás tamén da de Clemente, Buxán perde unha tradición moi valorada: a de degustar o carneiro nas festas de Santo Outelo de setembro. Graciela Miguéns é partidaria de que a Asociación Cultural San Xoán de Buxán, encargada das celebracións da parroquia, se anime a organizar unha festa anual dedicada a ese prato. «Pola nosa parte terá todo o apoio», asegura a veciña quen se reafirma en que «en Buxán hai moi bo carneiro e boa la», en contra do que di un coñecido refrán popular.
Buxán chegou a ter abertas ao mesmo tempo catro tabernas, nuns tempos nos que «había xente para todas porque tamén a había na parroquia», din. Dúas delas, a de Faustino ou Servia na aldea de Fufelo e a de Regueira na de Xei levan máis de trinta anos pechadas. As dúas abriran en tempos próximos, sobre 1973.