O domingo haberá máis dunha vintena de xovencas na poxa da Semana do Leite de Santa Comba

e. f. SANTA COMBA / LA VOZ

SANTA COMBA

Álvaro Ballesteros

Trátase dunha cita ineludible para o sector na comarca de Xallas 

02 mar 2018 . Actualizado a las 05:10 h.

A Semana do Leite de Santa Comba culminará este domingo coa décimo oitava poxa de xovencas de raza frisona, unha cita ineludible para un sector con tanto peso na comarca do Xallas. O seu regreso, baixo a organización de Africor Coruña e o Concello, chega nun momento expectante para o sector, con indicativos de que se manterán os prezos do leite, o que anima a participación nun evento para o que Africor preseleccionou a 27 animais, de 15 gandarías inscritas en control leiteiro, e que mañá se poderán ver pola tarde, na exposición no recinto feiral.

A poxa que comezará ás once da mañá do domingo presenta a xovencas cuns niveis superiores a animais foráneos. As granxas participantes son: San Rian, da Luaña (Brión); A Campa, de Curtis; Nuveira e Vilaferreiros, de Mazaricos; Cesares Holstein, de Lousame; Deus García, de Trazo; Castro Fernández (Arzúa); García, Perito e San Martín, de Dumbría; O Canteiro e Santa Cristina, de Vimianzo; A Farrapa (Negreira); ou A Pradeira, de Carballo.

Cada comprador terá un desconto de 150 euros por animal, e recibirá tres doses de seme dos touros Armónico e Clun, de Xenética Fontao. Ao remate da poxa degustarase un asado de tenreiro frisón preparado polo chef vasco Karlos Ibarrondo, coa técnica do burduntzi.