Se me dixesen de imaxinar un mundo de xigantes, viríame á cabeza un parque eólico. Que analoxía tan precaria pero tan certeira. Case diariamente cruzo Brandomil en coche dirección Santa Comba, pasando pola Pereira. Nese cruce de camiños de apenas 15 minutos hei de dicir que Zas paréceme un dos concellos máis fermosos e bucólicos de toda a Costa da Morte. Semella unha pequena Escocia agochada. Nas últimas semanas, a rotonda da Pereira estaba en obras. Tal foi a miña sorpresa de que rebaixaron metade dela para que pasasen os tráileres co particular fulaxe que despois ensamblarán para facer muíño.
Hoxe mesmo estaban as pezas paradas á espera da montaxe, hei de supoñer. Que país tan miserable aquel que pon unha comunidade autónoma como reduto para ser a fábrica de enerxía verde.
Acórdanse, vostedes, da beleza do Alto do Cabral antes de que os eólicos izasen todo? Agora, cando é de noite, un feixe de luces vermellas intermitentes alumean, coma unha ringleira tal que a Santa Campaña.
Se pensase na personificación dos eólicos como xigantes, diría que son caprichosos e viles. Arrebatan a perfección do contexto histórico, etnográfico e natural do patrimonio co que contamos. O máis triste é a normalización desta causa-efecto que emula outros acontecementos históricos como a proliferación de encoros e centrais no seu momento. Chucharannos tanto o sangue que esqueceremos un día que o tivemos.
A curto prazo, a ver se deixan todo o que malograron no seu transo ben, non coma noutras experiencias na contorna. Por iso de, xa saben, de que non nos arrebaten aínda máis do que anunciaron. Valente Brandomil, que vergoña que os xigantes cheguen á Piosa, cando non hai gallardos soldados que nos defendan.