Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Donas de San Paio

La Voz

SANTIAGO CIUDAD

SANDRA ALONSO

Anos de graza San Martiño Pinario e Antealtares son os dous mosteiros beneditinos de Compostela

09 jul 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

?añá luns celebra a igrexa a festividade de san Bieito de Nursia, nado na Umbría no século V. Con catorce anos trasladouse a Roma pero pouco gozou da cidade eterna porque se instalou nunha cova levando unha existencia ascética dedicada á oración e a penitencia. Foron moitos os mozos que o imitaron, nacendo a orde beneditina baixo o lema ora et labora que aínda hoxe rexe as vidas dos numerosos mosteiros que seguen a regra. É santo avogoso contra febres, verrugas, espullas e intoxicacións. Se tedes algún parente atacado de tangaraño levádeo ao san Bieito de Coba de Lobo onda un penedo furado. Colocadas nai e madriña do enfermo a cada lado da entrada da pedra, van pasando ao doente repetindo o ensalmo: Ten conta santiño/do meu tangaraño;/doente cho deixo/devólvemo sano. Pero non era de desentagarañar do que quería falarvos, senón dos mosteiros beneditinos, que en Compostela eran dous: San Martiño Pinario e Antealtares. Xa non quedan no primeiro monxes, o magnífico edificio acolle hoxe diversas institucións, así que imos directamente a saudar ás donas de San Paio. Fundado por Alfonso II o Casto no ano 813 baixo a advocación de san Pedro, para custodiar o recén descoberto sepulcro apostólico, mudou de patrono en 1152 polo do santo galego Paio, sobriño do bispo de Tui san Hermoxio, descuartizado en Córdoba por orde de Abderramán III no ano 925. A súa existencia está intimamente unida á da catedral. En 1077 o bispo Diego Pelaez e o abade Faxilde asinan a Concordia de Antealtares pola que os frades ceden terreno a favor da basílica que se empezaba a construír. En 1152 o arcebispo Bernardo de Agen asina unha nova concordia cos monxes, trasladándose ao mosteiro unha ara apostólica sostida por catro piares de mármore na que están esculpidas imaxes de apóstolos. Por desgraza estas pezas básicas do románico galego seguiron o camiño da emigración: unha leva tempo desaparecida; as outras tres foron vendidas en 1930 ao Museo Arqueolóxico Nacional de Madrid que a súa vez cedeu unha ao Fogg Art Museum de Cambridge, pertencente á Universidade de Harvard. A reforma beneditina vai estar impulsada polos Reis Católicos. Naqueles tempos non pode dicirse que a vida nos mosteiros fose todo o recollida que se esperaba, coa inxerencia das grandes familias que queren aproveitarse das rendas monacais, sufrida especialmente polos cenobios femininos. A maiores, as católicas maxestades andaban empeñadas na creación dun hospital para peregrinos que querían confiar aos freires de San Martiño, por iso solicitaron a Inocencio VIIII a supresión dos mosteiros de Antealtares e San Pedro de Fóra, para aplicar as rendas e o persoal á súa obra, graza que o papa concedeu en bula de vintesete de xuño de 1487, que ficou sen efecto pola firme oposición de Diego de Muros. Pero o 11 de decembro, o papa ordena a reforma dos mosteiros beneditinos, cistercenses e agostiños de Galicia, tarefa que, no tocante aos bieitos, encomendouse a frei Rodrigo de Valencia, prior dos de Valladolid, que en xuño de 1498 chega onda nós disposto a levala adiante. Percorre o territorio observando a situación das bieitas que vivían reunidas en pequenos grupos, en lugares apartados sen gardar a regra, polo que decide xuntalas nun mosteiro. Lembra entón o edificio de Antealtares, propiedade de san Martiño, que se atopaba deserto e desamparado. Mais o edificio xa tiña outra dedicación, porque en 1495 fora cedido polo abade frei Juan de Melgar ao notario compostelán Lope Gómez de Marzoa para o Estudio Viejo. A San Paio de Antealtares cábelle pois o privilexio de ser o berce da nosa universidade, a presenza de estudantes correndo polos claustro facía que frei Rodrigo o considerase casa prophanada, en grande escándalo de todo el pueblo. Un ano máis tarde o vello estudo muda de lugar, permitindo ao freire acomodar a primeira comunidade feminina en estrita clausura.