Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Antón Santamarina recibe unha homenaxe polos seus 30 anos na cátedra en Santiago e os 41 de docencia

Concha Pino

SANTIAGO CIUDAD

14 nov 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O Departamento de Filoloxía Galega rendeu unha cálida e sentida homenaxe ao catedrático de Románicas, e un dos alicerces do Instituto da Lingua galega, Antón Santamarina (San Martín de Suarna, A Fonsagrada, 1942), cando se cumpren 30 anos da súa cátedra na Universidade de Santiago e 41 de docencia de Filoloxía Románica.

O libro editado en recoñecemento ao investigador, o docente e o home foi coordinado por Mercedes Brea, Francisco Fernández Rei e Xosé Luís Regueira. O título, Cada palabra pesaba, cada palabra medía , tomárono prestado dun poema que lle dedicou no 89 Darío Xohan Cabana. O acto celebrado na Facultade presidiuno o vicerreitor de Cultura, Elías Torres, en representación do reitor, que compartiu estrado cos editores da obra, o decano, Ernesto González, e o propio Antón Santamarina, que cando lle tocou falar confesou o que os numerosos asistentes sabían: «Sinto unha gran turbación polas esaxeracións que sabía que se ían dicir aquí, resúltame incómodo porque renego das homenaxes ante mórtem, e non soporto ser a prima donna deste acto», que agradeceu como unha recompensa «maior da que merezo e unha propina innecesaria».

Tivo que mandar parar, sen éxito, o aplauso pechado e sentido tras as súas palabras cheas de ironía e de recoñecemento a persoas como Constantino García -«sen el a miña biografía sería diferente»- e a relación humana «cordial e sen conflitos» cos seus colegas. Referiu como nun momento dado entrou no departamento de Románicas e non no de Galego, para engadir: «Deixo á imaxinación dos presentes o que tería sido se, en lugar de empezar a traballar con Constantino García, o fixera con Carvalho Calero». Declarouse orgullo se estar entre os que colocaron ao galego no lugar que lle correspondía e rematou dicindo: «Non me resigno a que a vida do galego remate cando o seu estatus e o corpus lingüístico estean elaborados».

Antón Santamarina, como subliñou Fernández Rei na súa louvanza, «é memoria vida de proxectos e accións relacionadas co estatus e co corpus da lingua galega [...], é referente fundamental na codificación do galego moderno», redactor do Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega (Volga) , no que están as entradas dos dicionarios e vocabularios temáticos editados dende os oitenta, e pioneiro na posta en marcha do Tesouro Informatizado da Lingua Galega (TILG) , dicionario de dicionarios con 21 millóns de rexistros, entre tantas iniciativas, nas que caben a literatura popular e o feito de ser quen introduciu o galego no ensino na preautonomía.

Numerario da Real Academia Galega, Antón Santamarina é, segundo Fernández Rei, «o sabio gardián das palabras da tribo», un «referente ético», que dixo o decano, un exemplo «de compromiso coa lingua e a cultura, dunha ética e un saber profundo», segundo Regueira, e un home, para Mercedes Brea, para o que «a lingua galega, e o seu corazón, e a súa cabeza, sempre foi panrománica». Elías Torres deixou constancia do respecto que esperta e da súa entrega e capacidade de harmonizar o sentido último das cousas».