Os bachilleres máis brillantes vólvense reunir en Bamio

M. S. VILAGARCÍA/LA VOZ.

SANTIAGO CIUDAD

28 ago 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O mércores que vén, os 54 mellores expedientes de Bacharelato de Galicia chegarán a Vilagarcía para participar, durante catro días, no seminario A Universidade que nos agarda que organiza a Universidade Menéndez Pelayo (UIMP). É o sexto ano consecutivo que este curso se organiza no Centro Nacional de Formación Marítima de Bamio, que pertence ao Instituto Social da Mariña.

Para presentar este encontro formativo visitaron onte Vilagarcía o director da UIMP en Galicia, Xosé Luís Barreiro Rivas, e o director do curso, Miguel Anxo Santos Rego, catedrático tamén da Universidade de Santiago. Con eles estiveron a alcaldesa, Dolores García, e a concelleira de Educación, Susana Camiño. Foi precisamente a rexedora de Vilagarcía quen agradeceu a aposta que desde a UIMP fan pola capital arousá para a organización deste seminario, porque «facer un curso da UIMP engrandece sempre a unha cidade».

Xosé Luís Barreiro valorou este curso que supón unha reflexión sobre o presente e o futuro da universidade e anunciou que a intención da Menéndez Pelayo é manter o curso nos anos vindeiros.

Os pormenores do seminario debullounos o seu director, Miguel Anxo Santos, quen destacou que para os participantes vai ser unha oportunidade de facer amigos e tamén «unha ocasión para aproximarse a unha realidade nova para eles como é a universidade».

O ciclo desenvolverase entre o día 1 de setembro, mércores, e o sábado 4. A inauguración está prevista para as dez e media da mañá e nela contarase coa presenza do conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, o delegado do Goberno en Galicia, Antón Louro, a alcaldesa de Vilagarcía, Dolores García, o director da UIMP en Galicia, Xosé Luís Barreiro e, por suposto, o director do curso.

En principio está previsto que os reitores das tres universidades galegas pasen por Bamio ao longo deses catro días. Será precisamente o de Vigo, Salustiano Mato, quen interveña despois do conselleiro na xornada inaugural. Para o segundo día fixouse a comparecencia do reitor da Universidade da Coruña, José María Barja. E, por fin, o venres interviría o reitor de Santiago, Juan Casares Long.

Entre as persoas que participarán no curso haberá representantes de colectivos tan diferentes como a empresa, co presidente de Blusens, José Ramón García, ou a arte, co pintor Alfonso Costa ou a actriz e narradora Paula Carballeira, que ofrecerá o venres un monólogo.

Estarán tamén entre os poñentes Roberto Blanco Valdés, profesor na Facultade de Dereito de Santiago, Jorge Parada Mejuto, da dirección provincial do ISM, ou Ramón Villares Paz, presidente do Consello da Cultura Galega.

Será o secretario xeral de Universidades da Consellería de Educación o encargado de clausurar o curso o sábado a mediodía. Rematarán así catro xornadas intensas nas que os futuros universitarios se achegarán á realidade que, moi pronto, os espera nas súas respectivas facultades.