A capela de Santa María recolle pezas feitas desde o século XVIII ata hoxe en Gundivós, Bonxe, Samos e Mondoñedo
29 ene 2013 . Actualizado a las 07:00 h.A capela de Santa María acollerá desde mañá unha exposición que repasa a historia da olería na provincia. Unha ocasión única para ver pezas inéditas elaboradas nas catro olerías que operaron na provincia (Bonxe, Gundivós, Samos e Mondoñedo), feitas entre o século XVIII e a actualidade. «O traballo dos cacharreiros lucenses forma xa parte da nosa identidade, e tendo en conta a importancia e o recoñecemento que chegou a acadar máis aló da nosa terra é un patrimonio cultural que non pode desaparecer», explicou Regina Polín, deputada de Deseño e Artesanía.
Esta mostra «é unha homenaxe á historia da provincia, a todos os cacharreiros, oleiros ou alfareiros, a esas persoas que traballaron moi duro para facer todos os elementos que se precisaban nunha casa: pratos, xerras, barreñóns, remates das chemineas, canalizacións de augas....», continúa Polín.
O comisario da exposición, Higinio Flores, explica que as pezas máis especiais son as elaboradas en Samos, pois non queda produción desde os anos cincuenta e foi difícil facerse coas obras. «Queda algún forno nalgunha parroquia, pero case todos no interior das casas, e estanse perdendo, é unha mágoa, trátase dun patrimonio que temos que intentar recuperar», destacou. Foron moitos os coleccionistas que cederon as súas pezas para facer esta exposición, entre eles, o historiador Adolfo de Abel Vilela ou un anticuario de Sarria.
Flores conta que a olería que se fai na actualidade nada ten que ver coa tradicional, pois estanse incorporando formas nova. Precisamente o que reivindica o comisario da mostra é unha volta á tradición, «hai que recuperar a cerámica identitaria». Hoxe en día quedan cinco oleiros na provincia (unha en Mondoñedo, outra en Bonxe e tres en Gundivós), cando só en Bonxe chegou a haber sesenta cacharreiros. A primeira grande crise da olería lucense apareceu nos anos sesenta, coa chegada do vidro; «nos anos oitenta regresaron moitos emigrantes que permitiron o rexurdimento da olería, pero hoxe volve estar en decadencia», continúa o comisario.
A mostra, de 140 pezas, ademais de ser unha oportunidade de ver pezas de gran beleza, tamén permite coñecer a historia da provincia, por iso Regina Polín anima ás familias e aos centros educativos a que se involucren con esta iniciativa.
Homenaxe e lectura de poemas
A inauguración terá lugar mañá ás 19.30 horas na capela de Santa María, nun acto no que ademais se renderá homenaxe aos oleiros tradicionais que aínda viven e traballan o barro, como Nicanor Lombao, Manuel Iglesias, Carlos Iglesias, Agapito González, Obdulia Rodríguez e Daniel Rodríguez. Tamén será homenaxeado Luciano García Alén, fundador do Museo do Pobo Galego e autor da obra A alfarería en Galicia, de 1983. O acto tamén servirá para amosar a relación entre olería e literatura, coa lectura de varios poemas de Manuel María. Participarán Darío Xohán Cabana, Xosé Otero Canto e Marica Campo.