Enrique Fink, presidente de Ourives de Compostela: «Deberamos ter un museo da ourivería compostelá, é un dos nosos proxectos a medio-longo prazo»

Olimpio Pelayo Arca Camba
O. P. Arca SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

Sandra Alonso

Considera que hai relevo nuns gremios que fan de Santiago un referente na artesanía

18 feb 2024 . Actualizado a las 02:06 h.

Enrique Fink (Santiago, 1968) é dende o pasado setembro o presidente da asociación Ourives de Compostela, que aglutina a dous gremios cunha importante pegada histórica na cidade.

—Prateiros e acibecheiros foron gremios con prazas na contorna da Catedral, o que dá idea da forza deses colectivos. Como está na actualidade a situación?

—A día de hoxe eu creo que se están recuperando. Están montándose novos negocios, máis modernos, e con xente nova que se está incorporando ao oficio. Tamén se crean novos talleres, con xente saída da escola de artes e oficios Mestre Mateo, coa que traballamos para implantar o actual ciclo superior de xoiería artística, que inclúa a ourivería compostelá.

—Hai relevo asegurado, entón?

—En principio si, se ben é certo que faltan profesionais formados porque este é un traballo que leva moito tempo aprender: son moitas profesións dentro dunha soa. Están dende a talla do acibeche aos deseños, o traballo con esmaltes, prata, ouro ... Outros ourives repuxan, outros fan xoiería contemporánea, en moitos casos para a exportación. Pero falta xente especializada que domine as novas tecnoloxías, en cuestións como o deseño en 3D ou en novas técnicas de acabado.

—Dise que Santiago chegou aos 130 talleres de ourivería na Idade Media. Cantos pode haber hoxe?

—Pode haber arredor de 16 talleres traballando, que dan emprego a unhas 150 persoas. Nalgún deles está unha soa persoa, e outros poden chegar ata os 15 operarios. Nuns casos fabrican só para a venda en Santiago, mentres outros fano tamén para fóra de Galicia e exportan a Europa. En España, Santiago é un referente por conservar esta tradición milenaria e este oficio, que noutros lugares foi desaparecendo.

—Fala da exportación. Poñamos un exemplo concreto: a súa empresa, onde vende?

—No noso taller traballamos 12 persoas. Vendemos en toda España, tamén algo en Alemaña e nalgún país europeo máis, e puntualmente en Estados Unidos. Que vendemos? Distintas liñas de produto, dende o tradicional de aquí ata deseños moito máis vangardistas. Cada ano quitamos varias coleccións, tanto en acibeche como prata, ouro, pedras preciosas e semipreciosas.

—E quen son os principais clientes da ourivería: os turistas ou os composteláns?

—Creo que principalmente son os turistas, aínda que estamos potenciando que se valore o que temos aquí, porque moita xente non coñece o que se deseña e se fabrica en Santiago Os turistas con maior poder adquisitivo son estranxeiros que piden pezas de calidade e con certificación de fabricación aquí. turista español tamén consume bastante.

—A crise aféctalles?

—Non nos está afectando nas vendas en canto á cantidade. Pero si que ten repercusión nas marxes de beneficio, polo encarecemento de subministracións como a electricidade. Pero seguiremos adiante.

—Como as sagas centenarias?

—Aínda quedan varias, como poden ser os Mayer, os Lado e algún máis. Non é o meu caso, que non estou por tradición familiar.

—Falta un museo da ourivería en Santiago?

—Nós cremos que deberamos ter un museo específico do acibeche, da pratería, do deseño e da ourivería compostelá. Porque hoxe hai pezas por todo o mundo feitas en Compostela en igrexas, concellos e institucións estatais, que nin sequera están catalogadas. É un proxecto que temos a medio-longo prazo, un museo para que a xente de Santiago e quen nos visite poida ver as técnicas de produción, artesanais, e que se acheguen á historia dunha ourivería con centos de anos de tradición.

—Cantos socios ten o colectivo?

—Sobre medio cento. Estamos incorporando novos integrantes, porque despois da pandemia houbo unha pequena baixada. Sumando talleres e tendas, somos entre 300 e 350 persoas. E queremos contar con socios xubilados, para que aporten e sumen.

«Temos acopiado moito acibeche, que viña de Asturias; hoxe haino en Turquía e Rusia»

Conta Enrique Fink que a acibechería consérvase practicamente en exclusiva en Santiago, e que tivo orixe nas pedras que traían os peregrinos de Asturias:

—Con elas aquí os ourives facían cunchas, colares, colgantes ou pendentes. E tamén a Igrexa era gran consumidor da pratería e o acibeche de Compostela.

—De onde vén hoxe o acibeche?

—Hai anos viña de Asturias, pero hai escaseza nos últimos anos. O que pasa é que durante moito tempo fomos facendo acopio para ter reservas. Hoxe hai acibeche en zonas de Turquía e de Rusia, que nos ofrece algún provedor. Pero sobre todo estamos fabricando co que temos nós almacenado. O acibeche é escaso e difícil de traballar, por iso practicamente só se conserva en Santiago.

—Cales son as características distintivas da ourivería que se fai en Santiago?

—Temos unhas técnicas diferenciadas doutros lugares de España. Dende a asociación estamos traballando na compilación de material audiovisual das técnicas dos ourives xubilados, que se estaban perdendo. Trátase de que eses mestres amosen as técnicas que empregaban, no repuxado e na talla do acibeche, para que esa información quede como un legado para a asociación. As pezas feitas en Santiago distínguense pola súa calidade e dende o colectivo intentamos que os novos socios innoven en deseño. Ademais, en Ourives de Compostela estamos a traballar nun selo de calidade que distinga a nosa produción e que asegure ao consumidor a súa procedencia, para valorar máis o traballo dos ourives, cunha tradición de máis de 500 anos.

—Que outros proxectos teñen na asociación?

—Como colectivo é importante dignificar a profesión e darlle un valor engadido ao produto, con esa marca de garantía e de procedencia de fabricantes de Santiago, que posibilitará que todos os talleres e a xente que queira incorporarse poida ter un futuro neste gremio. E temos asinado convenios coa Universidade e coas distintas administracións para potenciar este oficio milenario e evitar que se perda.