![](https://img.lavdg.com/sc/KNgImyURQyAB0hgNH4qfmtPr9G4=/480x/2023/09/29/00121696014541883927692/Foto/S_20230929_194122000.jpg)
Sinalan que se non existe ensino no rural, a lingua tamén desaparecerá
30 sep 2023 . Actualizado a las 05:05 h.«Os dereitos non son caros, nin baratos. Non é unha cuestión de cartos, senón de que como país non podemos perder o rural, e iso é responsabilidade de todos». Foi a reflexión que Isabel Calvete, presidenta da Confederación de Anpas galegas e unha das autoras do documento «Por un plan específico para o rural galego», deixou sobre a mesa no parladoiro que sobre o ensino rural se celebrou en Santiso, onde dez voces expuxeron, dende cadanseu ámbito, a situación, as necesidades, e o papel que desempeñan no futuro da lingua e dos pequenos concellos galegos as súas escolas. Moderados polo xornalista Severino Cagide, os relatores coincidiron en reivindicar o labor dos colectivos de nais e pais na contención dos recortes que afectan ao ensino rural, obxecto dunha «discriminación histórica», denunciou Socorro Cea dende a súa experiencia como mestra que testemuñou o peche do colexio de Visantoña, no propio municipio de Santiso. Para Cea, «a loita é obrigatoria», porque «se non existe o ensino rural, tamén a lingua vai desaparecer».
Nesa liña, a ensinante, artista e autora Carme Penín defendeu o rural como vehículo para a «supervivencia da lingua e da identidade», logo de amosarse convencida de que o éxodo do campo ás cidades «non é un resultado inocente». Cos recortes xustificados en precisamente o despoboamento rural tamén foi crítico Serxio Núñez, mestre e sindicalista por CiG Ensino, que denunciou unha política educativa que, dixo «pensa de forma economicista un dereito como é a educación», primando os grandes centros. Con todo, «os primeiros que temos a responsabilidade de que o rural funcione somos nós», engadiu. Nese aspecto, Vanessa Martínez, xornalista e membro da Anpa do CEIP de Toques, amosou o seu optimismo pola mellora que percibe «na conciencia sobre o rural e a proximidade. Os pais —explicou— estamos apostando polos colexios máis pequenos».