Afundación emitirá os once capítulos do proxecto na súa canle de Internet entre o 22 de outubro e o 7 de xaneiro
19 oct 2021 . Actualizado a las 12:00 h.Arrieiros somos é a web serie realizada por Rubén Riós para Afundación que se poderá ver dende o vindeiro venres na canle Afundación TV. A serie emitirase todos os venres ás 21.00 horas, con pequenas variacións coincidindo coas datas de Nada. Da man da produtora Claqueta Coqueta, esta segunda entrega de doce capítulos mergulla no mundo do abandono rural, a soidade, a violencia de xénero, a emigración, a terceira idade ou na discapacidade, podendo gozar, á súa vez, do patrimonio natural e cultural da nosa terra a través das xentes dos concellos que integran a serie: Cartelle, Os Blancos, Chandrexa de Queixa, Pantón, Sada, Fisterra, Teo, Quintela de Leirado, Brión, A Gudiña, O Carballiño e San Cibrao das Viñas.
Arrieiros somos, que narra a identidade de Galicia a través da visión das galegas e galegos máis lonxevos, ven de ser galardoada co premio á mellor web serie no festival de cine inclusivo de Vigo. En palabras da produtora da serie, Carolina Martín Constenla, «Para nós é fundamental que a xuventude coñeza e valore a nosa propia identidade galega a través das historias que nos deixan as xeracións máis lonxevas. É por iso que este contido esténdese no visionado por Universidades e Centros de ensino pola súa natureza instructiva a través dun ambiente lúdico e cultural e a centros de maiores polo empoderamento que supón para a nosa poboación máis maior, moitas veces as persoas máis esquecidas». Neste sentido, a coordinadora da Área de Cultura de Afundación, Marité Cores, subliñou como «en Arrieiros somos atopamos resiliencia en grandes doses e sabiduría en igual medida, en definitiva o valor da experiencia que desde a obra social de Abanca queremos por en valor como vimos facendo desde hai anos a través dos programas interxeracionais que desenvolvemos desde a nosa área+60, como Fálame da emigración ou Falamos da escola onde as persoas maiores e estudantes de secundaria comparten tempo e coñecementos».
Pola súa banda, o director do proxecto, Rubén Riós, sinala que a serie pretende ser «unha ferramenta de empoderamento» para a xente que vive nesa Galicia onde vive xa moita pouca xente. «Non queremos amosala bonita porque queremos escoitar e trasladar o que nos din as súas xentes e, tratando con respecto os temas, queremos buscar solucións", sinalou o director.
O primeiro capítulo da estrea, que se emitirá o venres 22 de outubro ás 21.00 h en Afundación.TV, rendirá homenaxe a título póstumo a Lola, do Concello de Teo, unha muller pioneira no seu tempo que foi mestra de autoescola e líder do equipo de fútbol femenino do Praiña, nun tempo no que as mulleres estaban vetadas deste tipo de roles.
A serie nacida en plena pandemia e cun alcance maior aos 100 000 visionados na súa primera parte, persegue o obxectivo de fomentar a coñecemento interxeracional, para que a mocidade poida recibir de primeira man os testemuños dun tempo que, malia parecer tan afastado, está tan só a unha décadas do presente. Este coñecemento das vidas dos devanceiros implica, ademais, o acrecentamento do valor da cultura.