Santiago e Teo lembran hoxe a figura do editor e político Ánxel Casal

La Voz

TEO

SANDRA ALONSO

Acollerán catro actos ao longo da xornada

19 ago 2024 . Actualizado a las 04:55 h.

Santiago e Teo acollerán diversos actos ao longo do día para lembrar a figura do alcalde republicano e editor Ánxel Casal coincidindo co aniversario do seu asasinato na Estivada da Ribeira (Montouto, Cacheiras, Teo) en 1936. Precisamente, neste emprazamento terá lugar a primeira das actividades. Trátase dunha ofrenda floral organizada polo Concello de Teo ao carón do monólito dedicado a un dos impulsores do Estatuto do 36 e membro do Partido Galeguista.

Unha hora despois, o pazo de Raxoi (Santiago) acollerá o acto institucional en lembranza do alcalde republicano en recoñecemento á súa memoria e á de todas as persoas que foron represaliadas canda el. A homenaxe, que estará presida pola alcaldesa, contará tamén con representantes dos concellos de Arzúa e Teo.

Pola súa parte, o BNG organiza un acto ás 19 horas xunto a estatua de Ánxel Casal situada a carón da biblioteca pública que leva o seu nome, onde tamén se fará unha ofrenda floral. As actividades volverán a Teo a partir das 20 horas. De novo na Estivada da Ribeira (Cacheiras) haberá unha homenaxe a Ánxel Casal, Pepiño Areosa e todas as persoas represaliadas que estará organizado por Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica e Defensa do Patrimonio Inmaterial de Teo A Oliveira.