Luis Zahera: «Que premien aos médicos, aos físicos cuánticos, pero a un pintamonas coma min...»

beatriz pallas REDACCIÓN / LA VOZ

PLATA O PLOMO

Luis Zahera celebra a concesión da Medalla ao Mérito das Belas Artes durante a gravación en Galicia da serie «Animal salvaje», de Alea Media e Netflix
Luis Zahera celebra a concesión da Medalla ao Mérito das Belas Artes durante a gravación en Galicia da serie «Animal salvaje», de Alea Media e Netflix Alea Media

O actor compostelán foi distinguido esta semana coa Medalla de Ouro ao Mérito das Belas Artes mentres gravaba en Santiago unha nova comedia para Netflix

14 ene 2024 . Actualizado a las 18:09 h.

Luis Zahera non para. Na víspera dos Reis Magos gravou o final da serie Entrevías e o luns seguinte empezou a rodaxe en Santiago de Animal salvaje, unha comedia por capítulos na que encarna a un veterinario rural. Andaba o pasado martes metido nesta producción de Alea Media para Netflix cando o ministerio de Cultura anunciou que el será o destinatario dunha Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes, distinción que se suma, entre outros premios, aos dous Goyas como actor secundario conseguidos por El reino y As bestas. Nuns días estrearase a película El correo, de Daniel Calparsoro, na que ten «un pequeno papel». Non para Zahera (Santiago, 1966), e el asegura que «estar de moda é complicado».

—¿Atribúe este traballo só a unha cuestión de estar de moda?

—Digo o de estar de moda porque mo di moita xente cando me para pola rúa. «¡Jo, qué de moda estás!» Faime chiste. Supoño que isto é coma os surfistas cando collen a onda, eu collín un pouco a onda e, con este rebumbio das plataformas, humildemente considero que a xente que me di que estou de moda leva algo de razón. Isto vai e ven e eu estou neste momento doce, que xa pasará e irá todo un pouco máis amodo. Antes traballabas para a Galega e, no meu caso, para Telecinco. Pero agora para a Galega, para Telecinco, para Netflix, para Amazon, para Disney+, para Movistar, para... ¡miña nai! Pero está moi ben. Hai esa parte de sorte e azar que é misteriosa no noso choio, que dis ¿por que? ¿por que agora e non antes? Traballadoriño sempre fun e quen sementa sempre recolle. Algo lle chistará ao público e estou moi agradecido.

—¿Que supón para vostede a Medalla ao Mérito nas Belas Artes?

—Non sei. Eu son da maneira de pensar de Roberto Vilar, de Land Rober, de pintar a mona. Chamoume a atención o premio, porque pinto a mona e sempre fago eses papeis de toda canta maldade hai no mundo... Teño mil mensaxes no móbil que me din «¡que honra!» Non esperaba esto. ¡Ostras! Eu pensei ¿quen faría esa lista para meterme a min nela? Estou moi agradecido, pero fáiseme moi grande, xa é de máis. Que premien aos médicos, aos físicos cuánticos, pero a un pintamonas como min... Estou moi sorprendido e con vergoña. Cando viña para aquí dicía: «Seguro que me van preguntar por isto, e non vou saber que respostar». Colleume co pe esquerdo, que cousa máis rara. Pero ao mesmo tempo dache moito pulo. Dedícollo a toda Galicia. Acordeime de Agustín Magán, de Ditea, de Pico, da xente de Compostela, de miña nai cando me viña a ver ao teatro e me dicía: «¡Qué bien haces el tonto, hijo mío!»

—Cúmprense nestes días os 25 anos da emisión do primeiro episodio de «Mareas vivas» en TVG, co seu personaxe de Petróleo.

—Foi un fenómeno social, unha serie moi querida. So teño bos recordos. Con aquela idea marabillosa que tivo Antón Reixa triunfamos como a Coca Cola. Están Luar, Mareas vivas e agora Land Rober. Foi unha sorte e un privilexio estar alí.

—Agora xoga outra vez en casa con «Animal salvaje», unha comedia sobre un veterinario rural que chegará a Netflix.

—É a primeira vez que estou gravando unha serie en Compostela, porque Mareas vivas facíase en A Coruña, en Voz Audiovisual. E agora puxéronme unha casa aquí, na praza de Abastos. Creo que as miñas primeiras interpretacións foron aquí, cando era pequerrechiño. Tería seis ou sete anos cando ía coa miña nai á praza e, mentres ela facía os recados, deixábame no pan de Elena. Mandábame entrar e dicir: «¿Quién es la última?» Entón dábame vergoña e agora analizo a miña vida e penso que as miñas primeiras interpretacións diante de xente eran aquelas na plaza de Abastos. E mira ti, estou vivindo aquí.

—¿Ata onde pode contar do argumento de «Animal salvaje»?

—Antón é un veterinario do rural ao que lle vai mal. Todo o mundo marcha para a cidade, as granxas van mal, a cota láctea, todo foi a peor e el ten que ir traballar de veterinario a unha tenda boutique dun centro comercial no que hai de todo, incluso psicólogo. A súa sobriña, que leva a tenda, está interpretada por Lucía Caraballo. É como se metes a Clint Eastwood nunha mercería, un tipo completamente descolocado. É unha comedia de situación con capítulos de media hora e a ver como nos queda. Hai un lote de situacións divertidas relacionadas con canarios, con furóns, con cans... e con esta moda de tanta xente que ten animais. Levamos catro días e piano piano, como din os italianos.

—Este é, por fin, o seu primeiro papel protagonista.

—Si, definitivamente. É a primeira vez e dame un pouco de medo, porque non estou afeito. Protagonizo xunto con Lucía Caraballo e sinto carga de responsabilidade. É a primeira vez que me toca algo tan grande e dame vértigo. A ver si lle gusta a xente. O malo dos actores é que nunca chegas a estar tranquilo e ter aplomo. Sempre te pos no peor. É algo consustancial a ser actor. Cando empezas a abordar un papel hai un pánico inicial estraño e estou nesa etapa, pero intentando encamiñalo a desfrutar como meniños e a pintar a mona.

—Despois de tantos personaxes malvados, ¿fará agora de bo?

—Home, Clint Eastwood nunha mercería ten momentos nos que non o leva ben. É un bo un pouco particular, un home analóxico coma min. Eu son analóxico perdido fronte a toda esta dixitalidade que hai agora. Antón tamén é un tipo que quedou un pouco atrás e non entende isto de que os animais son coma fillos para algunha xente. Para el os animais son animais. Aínda que lles quere moi ben non entende que haxa alguén a quen lle parece o mesmo un bebé que un hámster. É lei de vida. Eu, por exemplo, quedo pampo co reguetón, esta música que hai agora e que non entendo. Cando era rapaz vía películas coa aparición do rock and roll, cando a xente dicía de Elvis que era unha música que non tiña sentido. E eu non entendo a música de agora. Todos somos escravos da nosa educación e do tempo que vivimos, de xeito que é complicado cando ven un tempo novo que barre todo. Nese momento está o veterinario Antón, que non entende nada, e vólvese huraño.

Únete a nuestro canal de WhatsApp

—Rematou a semana pasada a gravación de «Entrevías». ¿Como foi a despedida?

—Nunca vas volver a ter a ilusión das primeiras curtametraxes con Jorge Coira, con Luís Tosar,... Aquelo que era todo sentidísimo. Cando acababas, aínda que fora unha curtametraxe que grababas en catro días, era coma unha existencia universal. A día de hoxe, que todo mudou tanto e rematas unha serie o venres e empezas outra o luns, vai todo tan rápido que a despedida xa non produce aquelas tristezas ou polo menos eu enfrieime e volvinme máis pétreo, coma un Con de Arousa. Aqueles tempos de Mareas vivas en que había que esperar sete días para ver un capítulo... Agora todo é inmediato. Incluso me frustra cando me para a xente e me di: «Vin La unidad, de Dani de la Torre, este domingo enteira». E ti dis, «ostras, eu botei cinco meses para gravar iso».

—Ao público gustoulle a parella televisiva que fai con José Coronado. ¿Volverán facer un tándem?

—Eu encantado de volver coincidir con el. Fixemos dúas series que foron moi ben. Temos formas moi distintas de traballar, porque eu son caótico perdido e el é a orde absoluta. E mira ti, do caos e da orde saiu unha cousa bastante mona, unha pocholada, como diría a miña nai. Quen me dera volver coincidir, porque é un tipo que reventa as audiencias, leva corenta anos de protagonista e é un privilexio traballar con el.

—Di que lle frustra que a xente vexa as súas series nunha tarde. ¿Como é vostede como espectador?

—Con esto de estar de moda non teño tempo para nada. Agora veño de gravar e póñome a estudar, teño proxectos para máis adiante. Leo un pouco cando vou para a cama. O director de Animal salvaje, Víctor G. León, recomendoume un libro para a serie, La política de los chimpancés, de Frans de Waal. Estou lendo ese ensaio e os guións que teño que ler. Non acendo a tele, non vexo Entrevías, nada. É unha ironía traballar para a televisión e non ter tempo de vela, porque estou con mil historias. O fin de semana estou co monólogo no teatro. Estudar, ler, amasar cartos e pouco máis, iso é o que fago. Non teño Netflix, non teño Movistar, non vin Os Soprano... Son rara avis, quedei un pouco atrás. Eu era dos que esperaban sete días para ver Los ángeles de Charlie, que era o que máis me gustaba no mundo. Pero empecei a traballar e non teño tempo. A ver si de maior vexo Os Soprano e Breaking Bad e todas estas series que me di a xente que hai que ver. É o momento que me toca. Despois xa pasará a moda a terei tempo de ver cousas. A miña xente dime que estou enganchado ao traballo e que non me vou xubilar nunca, pero non sei o que pasará. Elucubro e penso que nalgún momento pararei esta tolemia de andar de aquí para alá.