A serie do verán da Televisión de Galicia ten moitas frontes abertas
06 ago 2024 . Actualizado a las 14:21 h.Saudade de ti, a serie producida por Voz Audiovisual, chega ao ecuador da súa terceira temporada despois de sorprendentes revelacións, pero aínda quedan moitas preguntas por responder.
A ansiada vinganza
Descubrimos que Pedro Taboada é en realidade Aníbal Arana, quen viviu en Abrente ata os 10 anos. A súa familia foi esnaquizada pola ambición de Óscar Osorio, quen arruinou a empresa pesqueira do seu pai. A súa nai, desesperada, suicidouse. Adoptado por outra familia, Aníbal cambiou de nome e agora, convertido en avogado, está de regreso en Abrente para vingarse do responsable da súa desgraza familiar.
Un pai ausente
Hai 30 anos, Mauri era alcalde de Abrente e, sen sabelo, facilitou os plans de Óscar Osorio ao abrirlles as portas do concello. Cando descubriu a verdade, tentou detelo, pero xa era demasiado tarde. Óscar deixara embarazada á filla de Mauri e chantaxeouno con revelar que se aproveitara do seu cargo para gañar diñeiro sucio. Mauri viuse forzado a dimitir e a gardar silencio sobre a identidade do verdadeiro pai da súa neta Mónica.
Volver por diñeiro
Despois de moito tempo, Óscar Osorio retorna a Abrente. Durante a súa ausencia converteuse nun exitoso empresario e agora regresa para construír un novo porto deportivo que lle permita converter a vila nun destino turístico co que poder enriquecerse aínda máis. Ademais, non vén só. Xunto a tódalas pantasmas do seu pasado está Natalia, a súa filla.
Unha filla do seu pai
Antes de chegar a Abrente, Natalia sufriu un ictus debido á presión laboral á que se viu sometida polo seu pai. Durante a súa rehabilitación, a filla de Osorio comezou un idilio con Santi, pero o seu non acabou de funcionar. Ademais, en Abrente hai un mozo co que Natalia podería ter unha relación moito máis beneficiosa para os intereses do seu pai: Brais. O pequeno dos López de Castro é mellor partido se o que pretenden é unir ás dúas familias máis poderosas de Abrente. Deixarase Brais manipular tan facilmente como cren?
Dúas irmás enfrontadas
Natalia e Mónica vense inmersas na guerra polo control do futuro porto deportivo sen saber que son irmás. Este descubrimento terá un gran impacto no futuro de Abrente.
Aceptar unha negativa
Despois de que Gaspar deixase a Álex, a médica comezou a verse con Eloi, o capataz da construtora e man dereita de Óscar Osorio. A súa relación con Álex foi breve, porque ela enseguida perdeu o interese. O capataz semella non aceptar un non por resposta e trata de retomar o contacto a pesar das súas negativas. A situación axiña se volve incómoda. Unha noite, na que Álex sae coa súa amiga Noa a dar unha volta por Abrente, Eloi as aborda de forma ameazante. Noa cre que deben denuncialo, pero a médica prefire evitar polémicas. Cales serán as consecuencias desta decisión? Acabará de novo Álex en boca de todos?
Unha nai desaparecida
Teresa quere coñecer aos pais de Lucho antes de que a súa filla case con el, pero este négase, espertando aínda máis curiosidade sobre o seu pasado. Despois de investigalo pola súa conta, nai e filla descobren que o pai de Lucho é un militar retirado que vive en Marín. Elba tenta reconcilialos, pero a situación acaba de forma violenta. Con todo, no encontro revélase que a nai de Lucho está desaparecida. Onde e por que permanece oculta? Como afectará isto á súa relación de parella? Botará a perder o seu compromiso matrimonial?