Historia social da lingua Ao final da etapa medieval (s. XIV-XV), unha das máis produtivas das letras galegas, o idioma e a literatura galega entran nun período de decadencia.
31 jul 2005 . Actualizado a las 07:00 h.Desde o século XVI ata fins do primeiro terzo do século XIX esténdese a decadencia do uso escrito da lingua galega. Unicamente se escribiron en galego algunhas obras menores. Con todo, o galego seguía a ser a lingua oral predominante, case exclusiva, de toda a poboación. Este período é coñecido coa denominanción de «os séculos escuros», metáfora que recolle con certo éxito a ausencia institucional do galego, a súa invisibilidade na vida pública. Diversos foron os factores que provocaron este progresivo decaemento das letras galegas: o asentamento no noso país dunha nobreza estranxeira, intransixente coa cultura e coa lingua de Galicia, que vén substituír unha nobreza galega derrotada despois de apoiar os perdedores nas loitas dinásticas pola coroa de Castela, primeiro a Pedro I contra Henrique II de Trastámara e máis tarde (1475-1479) a Xoana a Beltranexa fronte á futura raíña Isabel a Católica; a ausencia dunha burguesía capaz de defender os seus intereses e os do país; a diminución da poboación; a perda de autonomía da igrexa galega, etc. Estes feitos, e mais a crecente política centralista e intervencionista de Castela, afianzan a introdución do castelán na sociedade galega, manteñen o papel desgaleguizador nas clases altas e impiden a consolidación do galego como lingua literaria. Neste sistema centralizador aparece, xunto ao concepto de estado nacional, a necesidade de uniformización lingüística como factor de cohesión da nova estrutura política. En consecuencia, a lingua galega estivo ausente neste período dos usos escritos, a diferenza do castelán e do portugués que entran nun proceso de fixación e de codificación, o cal lles confire a categoría de linguas de cultura. Con todo, segue a ser a vía normal de comunicación de case a totalidade da poboación. O exclusivo uso oral conlevou a dialectalización e a fragmentación do idioma e, xa que logo, a súa consideración como lingua aliteraria, incapacitada para a ciencia e a cultura. Esta carencia dun elemento aglutinador imposibilitou a creación dunha variedade estándar e condicionou a evolución da lingua galega ata practicamente o derradeiro terzo do século XX. Lembremos que os séculos escuros coinciden coa época en que a maior parte dos romances europeos se consolida mediante a creación dunha variedade supradialectal vinculada cos usos cultos da lingua; mais este non é o caso do galego que terá que agardar aínda moitas décadas ata dispoñer dunha variedade culta amplamente aceptada. A nosa literatura queda así á marxe do Renacemento e do Barroco, coincidindo esta súa etapa máis escura co Século de Ouro da literatura castelá. Así e todo, posuímos algunhas cartas, documentos e escasas mostras literarias que nos deixan ver a lingua da época. Parellamente a este baleiro de literatura erudita, pervive a vea da lírica popular en forma de cantigas de berce, de cego, entroidos, adiviñas, lendas, romances, contos, farsas, etc., aínda que non podemos dicir que exista unha tradición escrita na nosa lingua. De feito, son textos producidos á marxe dun sistema literario plenamente definido e moitos deles chegaron ata hoxe por transmisión oral. No século XVIII comezan a xurdir as voces de denuncia dos chamados «ilustrados», que demostran a súa inquedanza polo subdesenvolvemento de Galicia e ofrecen propostas anovadoras da vida económica, social e cultural. Entre este minoritario grupo de intelectuais despunta con forza a figura do Padre Frei Martín Sarmiento, personaxe polifacético que defendeu o uso do galego no ensino, na administración e na igrexa, isto é, a súa normalización como lingua propia dos galegos. Participan tamén o Padre Feixóo, o primeiro que rexeita a condición de dialecto para o galego, e o Padre Sobreira, continuador do labor lexicográfico de Sarmiento. A súa obra constituíu a primeira chamada de atención sobre os problemas lingüísticos que se han manifestar en toda a súa extensión na segunda metade do XIX. Pero é tamén neste século XVIII, coa implantación da imprenta en Galicia, cando o castelán estándar acada unha maior presenza nos usos escritos, influíndo nos propios falantes de galego que se ven inmersos nun progresivo proceso de castelanización. O prestixio da lingua galega decae considerablemente neste período e, pola contra, a valoración social do castelán aumenta. Esta situación vai facendo agromar estereotipos e prexuízos contra a lingua e os seus falantes, moitos dos cales chegaron ata os nosos días: o galego non é unha lingua senón un dialecto, cada quen fala como lle peta, o galego non serve para escribirse, só serve para falar, etc. Só ao final deste período, da man dalgúns ilustrados, comeza a cuestionarse esta valoración social negativa do galego.