| O |
15 sep 2006 . Actualizado a las 07:00 h.A RELACIÓN que se establece entre algúns escritores é a súa imaxe pública resulta ser singular. Algúns dos seus retratos din tanto da súa literatura tanto como as súas obras e desa admiración nacen coleccións como a que ten Julian Barnes de fotografías asinadas por autores -curiosamente, fáltalle Flaubert- ou libros como Miramientos , de Javier Marías. Pero ás veces as cousas non son tan sinxelas: hai literatos aos que os sorprende o requerimento do fotógrafo de retratalos na apariencia de ler o libro que deben presentar. Que eles escribiron, releron, corrixiron e, a esas alturas, case aborrecen. Como di o propio Marías, un dedica un ano ou dous a compoñer unha novela, e despois pasa o mesmo tempo explicándoa en público. Pero tamén hai casos nos que a petición do retratista está xustificada. Hai unhas semanas o futbolista Wayne Rooney promocionaba a súa autobiografía. E si, aí estaba, co libro aberto e concentrado nun emocionante capítulo, do que parece lexítimo sospeitar que aquel era o seu primeiro contacto. En realidade, miraba ao obxectivo por riba da páxina. Con pose ou sen ela, o certo é que o rostro de moitos escritores galegos son case anónimos. Peor aínda resulta que pasen igual de inadvertidas as súas obras. Claro que tamén hai quen renuncia a ese apoio da imaxe e está no seu dereito a dialogar co lector a través só da palabra. Outros van máis lonxe e prescinden dos premios, arma valiosa para chegar aos escaparates. En todo caso, hai que saber xogar e ser conscientes de que na partida está a posibilidade de perder. Se non, que llo digan a Rooney cando ve a tarxeta encarnada.