Evidencias

Francisco Díaz-Fierros CATEDRÁTICO EMÉRITO DE EDAFOLOGÍA USC

SOCIEDAD

01 abr 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

No ano 2009, Kate Ratworth, de Scotish Oxfam, afirmaba: «O cambio climático foi primeiro un problema científico e, despois, económico. Na actualidade é materia de xustiza internacional». Opinión que comparten moitas oenegés, pero que están moi lonxe de manifestar con esa rotundidade a maioría das organización políticas estatais, e mesmo internacionais. O propio IPCC, nos seus catro informes anteriores, expresaba cunha certa morneza os problemas de xustiza social que xeraban os efectos previsibles do cambio climático. Pero o informe que vén de aparecer semella que, desta volta, trata con moita máis amplitude e profundidade os problemas relativos á desigualdade de respostas que se poden atopar no mundo. Non achega aínda moitos datos, porque os procesos de modelización destes efectos teñen un amplo percorrido por facer, pero as tendencias semellan ser bastante evidentes.

Haberá rexións como a norteafricana e diferentes zonas de Asia onde a produtividade en cereais minguará dun xeito alarmante, a desnutrición e as epidemias medrarán e, como consecuencia, a morbilidade e mortalidade acadarán niveis que ningunha conciencia sensible debería aceptar. E todo iso ocorrerá en comunidades nas que o seu limitado nivel de coñecementos e de outros recursos fará moi difícil a posta en práctica dunhas medidas mínimas de adaptación.

En Galicia, as consecuencias non semellan ser tan dramáticas, pero é previsible un incremento dos incendios forestais e, posiblemente, dos riscos de erosión de terras. O mar subirá seu nivel e os fondos de rías e os ecosistemas asentados neles reducirán a súa extensión e, sobre todo, as augas mariñas experimentarán unha redución na súa produtividade. A acidificación dos océanos, que semella ser un proceso lento pero imparable, pasará a súa factura aos organismos con cuncha carbonatada. Galicia non carece de coñecementos nin doutros recursos potenciais para facerlle fronte a estes problemas. O caso é que exista unha vontade política de afrontalos e unha opinión pública que estea disposta a asumilos custes que estas medidas conlevan.