Un proxecto sobre vacas converteuno no terceiro estranxeiro premiado pola Sociedade Británica de Ciencia Animal
13 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.Por terceira vez na súa historia, a Sociedade Británica de Ciencia Animal vén de conceder un premio a un investigador de fóra do Reino Unido; e o afortunado é o galego Ángel Abuelo Sebio (Santiago, 1987), que presentou un proxecto sobre vacas que podería revolucionar o sector leiteiro. Licenciado en Veterinaria pola facultade da USC no campus de Lugo, neste momento prepara o doutoramento ao tempo que fai unha residencia de especialización en medicina bovina na Universidade Ludwig-Maximiliams de Múnic, en Alemaña.
-¿En qué consiste o premio Sir Kenneth Blaxter?
-Vai dirixido a estudantes de postgrao ou que remataron o doutoramento recentemente para que melloren habelencias e experiencias. O meu proxecto parte dos resultados preliminares que fun adquirindo ao facer a tese. Pretende estudar a resistencia á insulina no gando vacún de leite despois do parto, e que afecta á produción do leite. O premio consiste en financiarche unha parte para que poidas facer o estudo. Son algo menos de 1.000 euros. Pero aínda que no proxecto había que poñer un único nome, canda min participaron nel os profesores que me están dirixindo a tese, José Luis Benedito, Cristina Castillo e Joaquín Hernández; un estudante de Veterinaria, Víctor Alves, e a veterinaria María Pérez.
-¿Que aplicación práctica pode ter esta investigación?
-A resistencia á insulina está moi estudada nos humanos con diabete, pero nos animais non é igual. Despois do parto, para garantir que se produza leite, todos os mamíferos sófrena, e parece que nas vacas de leite, que producen tanto, favorece a aparición de numerosas patoloxías, unha pobre fertilidade e unha diminución na produción de leite. Pero a día de hoxe non se coñece o que pasa, e é o que queremos investigar. Ese coñecemento axudará a establecer medidas corretivas e un posible tratamento de prevención para que as explotacións de vacún leiteiro incrementen a súa rendibilidade.
-¿Como ve o panorama investigador na actualidade? Tanto a nivel xeral como en Galicia...
-Véxoo mal. Aquí, en Galicia, fanse moitas cousas ben e con poucos recursos. É posible que mesmo teñamos unha maior capacidade de creatividade que noutros lugares, pero cando hai a sorte de que se concedan proxectos sempre son de menor contía. Cando estiven na Universidade de Cornell, en Estados Unidos, estiven en contacto con investigadores da Universidade de Michigan que desenvolvían un proxecto que foi financiado cun millón de dólares. Cousa que aquí é impensable.
-¿E que opina do seu futuro en particular?
-Por gustar, gustaríame ter un posto no que puidese combinar a investigación coa docencia e o exercicio da profesión en grandes animais. Pero penso que, como outros moitos compañeiros, tarde ou cedo tocarame emigrar.