
A Xunta leva un programa de dinamización lingüística a 17 campamentos
29 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.Dicir campamento é sinónimo de verán, natureza, amizades e tempo de lecer. Pero agora tamén é sinónimo de galego porque a Xunta amplía o seu programa de dinamización lingüística O galego campa, que chegará este ano a 17 campamentos organizados pola polo Goberno galego.
Unha desas iniciativas consiste nunha xincana en galego baseada en xogos e probas que combinan as habilidades físicas, lingüísticas e intelectuais dos rapaces co fin de que se familiaricen coa lingua a través de cancións, da poesía ou do teatro, e ao mesmo tempo coñezan ós persoeiros ilustres e os feitos máis senlleiros da historia de Galicia. E é que a Secretaría Xeral de Política Lingüística, en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, sabe que a mellor maneira de aprender é xogando: «A valoración que facemos é excelente. De feito, este programa levarase a cabo durante este ano en 17 campamentos, mentres que en anos anteriores facíase en cinco. Ademais, tamén ofrecemos recursos e ferramentas informáticas aos monitores para que poidan executar estas iniciativas. Dende aquí quero agradecer o apoio destes monitores polo pulo que lle están dando as actividades», manifestou Cecilia Vázquez, directora Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta, que se mostrou moi satisfeita cos resultados acadados e que anunciou que xa se está a traballar nun programa máis global, que se complementará con máis iniciativas para a xente nova.
Pola súa banda, o secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García, estivo tamén presente na presentación do programa aos rapaces no campamento xuvenil Espiñeira de Boiro e animou aos monitores, pero tamén aos mozos «a iniciar e manter en galego as novas amizades» nestas actividades de convivencia e de lecer.
Esta xincana, que leva o nome de Galicia, terra de artistas, xa foi probada con éxito durante este mes no albergue de As Sinas, en Vilagarcía, no da Mariña Española en Bergondo, na Devesa en Ribadeo, no de Penedos de Xacinto en Entrimo, en Manzaneda e no campamento xuvenil Espiñeira, en Boiro.
Contacontos
Outra das actividades que se están a desenrolar neste programa son os contacontos musicados. De feito, esta modalidade xa se inicio durante este mes nos campamentos da Xunta en Porto do Son, Melide, Palas de Rei, Forcarei, Bueu e Viveiro. E no mes de agosto, chegarán a Bergondo, Ribadeo, Manzaneda e Portomarín.
Máis alá destas actividades presenciais que se desenrolan nos campamentos, o programa da Xunta incorpora tamén como novidade un repositorio dixital de materiais e propostas específicas para traballar a lingua coa mocidade durante o tempo de lecer dos rapaces. Este repositorio vai dirixido especialmente aos monitores, que poden acceder á descarga libre e de balde deste material.
Segundo explicou a Secretaría Xeral de Política Lingüística, O galego campa deste ano pretende fomentar o uso da lingua entre a xente nova mentres se forxan amizades.
Entre a xincana e os contacontos
Aprender xogando
Unha das actividades que máis éxito está a ter entre a rapazada é a xincana en galego. A xente nova aprende o galego xogando e tamén coñece a persoeiros ilustres e os feitos máis senlleiros da historia de Galicia
Relatos acústicos
Outra das iniciativas que se están a desenrolar nos campamentos son os contacontos en formato acústico de guitarra e voz
Material para os monitores
Os monitores destes campamentos terán á súa disposición un repositorio dixital para traballar a lingua cos rapaces