Fernando Salgado Blanco: «A acupuntura con pacientes de dor crónica no hospital dá bo resultado»
SOCIEDAD

Salgado, médico que se especializou en medicina chinesa en Pequín, coordina o máster de Acupuntura da USC dende hai vinte anos
16 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.Tras acabar Medicina en Santiago e exercer tres anos e medio en Finlandia, en 1995 Fernando Salgado Blanco foi para China, cunha axuda do Ministerio de Asuntos Exteriores. Pasou un lustro en Pequín, regresou a Compostela, e dende entón coordina o máster de Acupuntura e Farmacopea chinesa na USC. Onte falou da súa experiencia na biblioteca pública Ánxel Casal, nun ciclo que promove a cultura chinesa, e recomendou ao auditorio que «con boa dieta e facendo exercicio físico adecuado a diario, a maioría das persoas poderían prescindir de ir ao médico».
-¿Que fixo en China?
-Estudei a Medicina chinesa, que inclúe unha dietética propia; técnicas como a acupuntura, ou a auriculoterapia baseada no pavillón auditivo; exercicios terapéuticos; e unha farmacopea con presenza de todos os reinos: mineral, vexetal, animal e tamén humano, pois aproveita por exemplo a placenta.
-¿Como é a súa experiencia con acupuntura na Unidade da Dor do Hospital de Santiago?
-Comecei hai 20 anos, ao chegar de China, con pacientes que me envían, normalmente de dor crónica, e dá bo resultado.
-¿A quen lla recomenda?
-Vale para todo o mundo; sobre todo para a dor músculo-esquelética e dores de cabeza. Agora está moi recoñecida para problemas de concepción, esterilidade, e xinecolóxicos en xeral; ou para a rehabilitación neurolóxica.
-¿Trata doentes que fracasaron na sanidade oficial?
-A acupuntura aquí é sobre todo unha alternativa privada, que hai que pagar; e por iso, e polo uso de agullas, non resulta atractiva. A maioría da xente que nos chega, primeiro foi ao médico. E hai algunhas persoas que coñecen e veñen directamente.
-¿Como atrae doentes á consulta?
-A maioría dos doentes veñen á nosa consulta polo boca a boca, que funciona moito; e algúns porque procuran consultas de acupuntura en Internet.
-¿Hai compatibilidade entre a acupuntura e a medicina oficial?
-Si, é unha terapéutica compatible con outros tratamentos; e como non supón consumo de fármacos, carece dos efectos secundarios dos medicamentos.
-¿Contan co recoñecemento do Colexio Médico?
-Máis da metade das seccións de acupuntura de España están recoñecidas, en Barcelona, Madrid, Sevilla, San Sebastián, Valencia, e outras. En Galicia houbo un intento, e non culminou por non haber moita actividade.
-¿Ten presenza na Medicina oficial a acupuntura?
-Hai consultas, por exemplo na sanidade pública andaluza. En Galicia, na Unidade da Dor do CHUS; e outra no Hospital Meixoeiro, de Alfonso Carregal, antigo alumno do máster da USC.
-¿Funciona o máster da USC?
-Si, estamos no segundo ano da décima edición, e esperamos convocar para xaneiro do 2018 a onceava. Asisten médicos, enfermeiras, fisioterapeutas e dentistas; e o módulo de principios básicos é aberto.
-¿Que precisa a acupuntura?
-Que se regule en España para exercer; ou para conseguir medicamentos chineses, pois moitos só constan como complementos dietéticos. E para a formación, como fixo Portugal, onde acupuntura se fai en 4 anos e Medicina Chinesa en cinco; iso é perfecto. Outros países europeos teñen tamén lexislación.
-¿Que lles di a quen manteñen que non é científica?
-Que se informen ben. Un recente estudo financiado polo Servizo Inglés de Saúde conclúe que introducir a acupuntura na asistencia resultaría ben do punto de vista do custe e a eficacia.