Xosé Antonio Touriñán: «Son serio e introvertido»

SOCIEDAD

Touriñanh
ED

O actor cullerdense confesa que non era dos graciosos da clase cando ía ao instituto e que se lle daban «moi mal» as rapazas

24 ene 2019 . Actualizado a las 14:43 h.

Xosé Antonio Touriñán (Culleredo, 1980) é un tipo ocupado. Vémonos nun descanso dos ensaios do Land Rober da TVG, no plató 1.000 de Cacheiras. Só cando saco o caderno dáse de conta de que son o da entrevista de La Voz e non outra cita que tiña para colaborar nun libro. Non pasa nada. Antes de que entre a avalancha de público liquidamos a conversa, con menos risas das que contaba. Touri é un tipo serio.

-Como o chaman na casa?

-Miña nai chámame Jose. Cando se enfada, Jose Antonio. O de Xosé é algo artístico, aínda que en Madrid teñen un problema co meu nome. Chámanme «Choche», «Xoxe»...

-Pero súa nai xa non se enfada con vostede, non?

-Non. Agora é miña muller a que me chama Jose Antonio. No meu pobo chámanme José da Taberna, polo bar que tiñan meus avós e que agora teñen meus tíos.

-Botárono moitas veces de clase?

-Buf. Si, moitas. E sobre todo en BUP. É cando chegas ao instituto e cres que vas comer o mundo. Non sabería dicir cantas, pero moitísimas.

-Por falabarato.

-Si. Por ir de simpático, por falar cando non tiña que falar...

-Os humoristas soen ser os que no seu día foran os graciosos da clase.

-Eu non o era. A min botábanme por iso de tirar a pedra e agochar a man. Sempre digo que, nisto da comedia, gardo para cando me pagan. Son bastante serio, calado, introvertido. Agora menos, porque a profesión fai que non o sexas tanto.

-Ligaba moito?

-Non. Dábanseme moi mal as rapazas. Xa lle digo que son moi tímido.

-Defínase en catro palabras.

-Uf. Son malísimo para iso. Pero a ver... Ocorrente... Hai outro termo que se usa na miña zona polo menos, cando din de alguén que é un toxo, alguén arisco e simpático cos amigos e... non sei. Di ti unha.

-Eu? Non sei. Bonachón?

-Si. Está ben. Son o tipo que nunca di que non a unha foto. Bueno, unha vez, ás sete da mañá ou ás oito, díxenlle a un que pensaba que non era bo momento. Creo que é máis rápido dicir que si que discutir para dicir que non.

-Vostede interpreta perfectamente os seus personaxes. Falan de verdade. Atrévese a definir ao galego tipo?

-Non interpreto, é que eu son así. E, se non me criara naquel bar dos meus avós sería imposible. E estou orgulloso de ter retranca. Cando vas por España hai veces que tes que explicar os chistes. Aquí non. Os galegos somos superdotados para o humor. Outra cousa que nos define é que non cremos o grandes que somos.

-Aquí xa é moi popular. Apetécelle a aventura madrileña?

-Si. O gran momento meu é agora. Hai portas que xa se abren soas. De Madrid interésanme proxectos concretos. Ficción, historias novas, cousas que aquí xa non me ofrecen porque non me ven máis que na comedia.

-É capaz de estar sen facer nada?

-Agora non podo, pero sei perfectamente non facer nada. De feito, son un especialista en non facer nada.

-Cales son as súas afeccións, que lle gusta facer?

-Comer, beber, falar e escoitar. Sobre todo estar escoitando e mirando, como facía de pequeno no bar dos avós. De feito, moitos dos meus personaxes veñen daquela época.

-Cine, lecturas...?

-Ao cine vou de cando en vez, pero sempre para ver películas de debuxos animados [ten unha nena e un neno de 6 e 3 anos], aínda que algunhas parecen máis para adultos.

-Cociña?

-Non. Só comer.

-Que diría que é o mellor de vostede mesmo?

-Non sei... Seguramente que son capaz de intentar o que soño. Penso: «gustaríame que me pasara isto», e inténtoo. Ás veces consígoo, pero gústame que son capaz de intentalo.

-E o peor?

-O resto. Son moi crítico comigo mesmo. Gustaríame ser máis alegre e poder devolver o que me dá a xente que me quere.

-De que se arrepinte?

-[Pensa] Igual é unha idiotez, pero gustaríame ter intentado ser futbolista. Profesional.

-Javier Veiga díxome que compartían a afección polo balonmán.

-É verdade. Pero eu anoteime ao balonmán porque non había equipo de fútbol.

-Unha canción.

-De amor?

-A que queira.

-Pois Afiador e paragüeiro, de Xabier Díaz.

-Que é o máis importante na vida?

-A familia. A túa xente. Se tes iso, tes moito.