Roberto Varela: «Os aries nunca miramos atrás»

SOCIEDAD

Pinto & Chinto

O exembaixador en Uruguai e exconselleiro de Cultura pasa as vacacións preto de Cambados

25 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O exembaixador en Uruguai, exconselleiro de Cultura e ex moitas máis cousas, pasa as vacacións preto de Cambados, onde me cita baixo un magnolio ao carón do pazo de Fefiñáns. O marco non pode ser mellor. E a charla seguramente tampouco. Roberto Varela (Meaño, 1959) é o tipo que cita a Hegel e a Mick Jagger case na mesma frase. Imposible aburrirse nunha conversa na que a palabra (e a idea) máis fermosa e xusto a que pecha esta entrevista.

-Deixou a embaixada de Uruguai. Que fai agora?

-Dende hai tres meses son o director xeral de Relacións Culturais e Científicas do Ministerio de Asuntos Exteriores. Dedícome a facer o que me gusta facer, que é xestionar cultura. Estou moi contento porque difire moito de ser conselleiro de Cultura, onde sempre estás máis exposto. Este é un traballo máis discreto.

-Parece que está máis cómodo nun segundo plano.

-Non se pasa moi ben levantándose da cama cando es conselleiro e pensando a ver que din de ti, en que lea te acabas de meter... A verdade é que tamén te fortalece. Non me arrepinto nada daqueles anos.

-Entón, agora vive en Madrid.

-Si. É onde residimos os diplomáticos cando non estamos no exterior. Eu confío en volver a saír fóra en tres ou catro anos. -De todos os destinos que xa tivo, a cal lle gustaría volver?

-É difícil. Houbo países complicados, como Kuwait; Alemaña foi fascinante, aínda que é un país frío. Teño bos recordos de Nova York, aínda que ten unha parte escura... Quizais onde mellor vivín, a parte de Galicia, foi Uruguai. Agora, experiencias sácaas de todas partes.

-Nova York ten unha certa imaxe como que é o centro do universo...

-Si. Pero ten as súas trampas. Nova York dáche a sensación de que pertences alí dende o primeiro día. Pero se te pilla atravesado, neses días de neve nos que non se pode saír a rúa... As amizades son máis superficiais, a xente mídete polo que tes máis que polo que vales. En Nova York podes sentirte extremadamente libre, pero non hai peor sitio para sentirse só.

-Di a Wikipedia que tamén é filosofo. Como se chega a ser filósofo?

-Pois aprobando todas as materias da carreira de Filosofía. Estiven a punto de exercer de profesor. Funme a Alemaña para aprender o idioma e ler a Hegel e logo dinme conta de que Hegel non se pode ler nin en alemán, do difícil que é. Gústame pensar. Con música. Sobre o sentido último da vida. Faime reflexionar moito a morte.

-E agora que está de vacacións, que lle gusta facer?

-O que máis fago é quedar con xente, ir a cear cos amigos. A verdade é que teño unha axenda moi comprimida. Non son nada de ir á praia.

-Algunha afección máis terá.

-A fotografía. Publico fotos porque me gusta moito. Sempre levo a cámara (e mostra unha cámara pequena e compacta), aínda que o verán non é cando hai mellor luz. E a música. Antes facía casetes para os meus amigos e agora fago playlists. Son moi afeccionado á música clásica pero tamén ao rock.

-E o fútbol?

-Non me interesa nada.

-Que foi o último que mercou?

-Estas gafas de sol.

-Con quen destes iría antes tomar unha caña: Errejón, Amancio Ortega, David Diverxo ou Messi?

-Con Messi non. Hummm.... con Amancio Ortega.

-Para que pagara el.

-Non, ha, ha. Como personaxe paréceme moi interesante, aínda que para tomar unha caña todo o mundo ten interese. Ata Messi.

-De que se arrepinte?

-Supoño que de dicir algunhas cousas sen reflexionar antes, de deixar a carreira de piano, de non estudar árabe cando estiven en Kuwait... Pero eu son aries e os aries nunca miramos atrás.

-Dígame un verso.

-El deseo es una pregunta cuya respuesta no existe, un árbol cuya hoja no existe.

-Conte unha falcatruada que fixera de pequeno.

-Fixen a primeira comuñón dúas veces. A primeira foi sen que o souberan meus pais. Puxéronme unha chaqueta e uns zapatos de charol e colleume un fotógrafo que estaba por alí e levoume para facer a foto. A segunda foi a de verdade. Así que teño dúas fotos.

-Sabería facer unha tortilla de patacas?

-Si, ho! E ademais moi boa porque sei un truco da miña nai.

-Cónteo.

-Non. Comprenderá que non a podo traizoar.

-E unha paella? Faríaa?

-Non. Iso non. Nin de sobre.

-Ten tatuaxes?

-Ai! Pode ser.

-Unha canción.

-Like a Rolling Stone, de Bob Dylan. É a que máis veces escoitei na miña vida.

-Que é o máis importante na vida?

-Amar.