O cambio climático despois de Bonn: urxencia e equidade

Xavier Labandeira

SOCIEDAD

PATRIK STOLLARZ | Afp

Este cumio supuxo unha volta ás grandes discusións sobre responsabilidades entre países

18 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A finais de cada ano os países que conforman a Convención Marco de Nacións Unidas sobre o Cambio Climático manteñen a súa xuntanza principal, coñecida tecnicamente como COP e coloquialmente como cumio climático. Algunhas delas son cruciais, como a de París de hai dous anos, a de Copenhague de hai oito ou a que se celebrou en Quioto a finais dos noventa e deu nome ao famoso Protocolo. Outras xuntanzas son menos importantes, aínda que o proceso internacional de loita contra o cambio climático é tan complexo e crece a tal ritmo que é difícil falar de cumios «de trámite».

Para algúns o cumio celebrado estes días en Bonn, baixo presidencia das Illas Fidxi, supoñía simplemente un paso intermedio no desenvolvemento do Acordo de París. O obxectivo fundamental sería estender os artigos dese acordo, moi xenéricos, para obter un documento legal no próximo cumio (a celebrar en Polonia) que permitise o funcionamento axeitado do réxime de París. E, non obstante, coáronse algunhas novidades importantes nun cumio teoricamente pouco relevante.

En primeiro lugar, cobrou relevancia de maneira moi notoria o papel non técnico das COPs, de xeito que o cumio de Bonn foi estes días sobre todo un lugar de anuncios políticos importantes e de constitución de alianzas entre gobernos, empresas e ONGs para facilitar a transición a unha economía baixa en carbono. En segundo lugar, esta COP supuxo unha volta ás grandes discusións sobre responsabilidades diferenciadas entre países, algo que semellaba nun segundo plano despois da aproximación xeral de París. Representando aos lugares «súper-vulnerables», Fidfxi deixou claro desde o principio que ía xogar un papel tractor no desenvolvemento de mecanismos compensatorios dos danos ocasionados polo cambio climático, vistos con receo polo mundo desenvolvido, e que ía subliñar a necesidade de reforzar os fondos internacionais de mitigación e adaptación. China, un axente crucial nas discusións sobre cambio climático despois do abandono da administración Trump do Acordo de París, recea pola súa parte das esixencias de transparencia e comparabilidade de redución de emisións por parte do mundo desenvolvido (outro dos obxectivos neste cumio) e di defender con esta actitude as aproximacións voluntarias dos países como garantía de responsabilidades diferenciadas para os menos ricos.

Outra importante novidade en Bonn foi a sensación de urxencia respecto das accións necesarias para combater o cambio climático. A evolución das emisións e dos danos está sendo bastante peor do esperado, sabendo que esta nos apartaba xa dos obxectivos de París (aumento de 2 graos da temperatura), requirirá axustar fortemente as achegas voluntarias comunicadas polos distintos países até o momento. O proceso, coñecido como «diálogo facilitador», ten que culminar tamén na próxima COP e de aí a necesidade de acordar medicións comparables entre países neste cumio.

En consecuencia, os próximos meses deben recoller avances técnicos e múltiples avaliacións de onde estamos exactamente e que marxe de manobra existe para acadar os obxectivos de París. Neste senso, o debate sobre o fin do uso do carbón xurdiu con forza e deu lugar a anuncios gobernamentais (alianza de países) e empresariais sobre o abandono desta fonte de enerxía tan negativa desde un punto de vista ambiental. Alemaña -outrora un líder climático indiscutible pero hoxe moi dependente da xeración eléctrica con carbón, a causa dunha transición enerxética acelerada que prescindiu da enerxía nuclear- e España -onde seguimos a queimar carbón para producir electricidade cando hai alternativas máis limpas dispoñibles no sistema- quedaron certamente en evidencia.

Xavier Labandeira é catedrático de Economía na Universidade de Vigo e director de Economics for Energy