Xabier Lavandeira: «Os impostos ás enerxías fósiles son inevitables»

Raúl Romar García
r. romar REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

MIGUEL VILLAR

O catedrático da Universidade de Vigo acaba de ser elixido como editor dun informe do Panel Intergobernamental de Cambio Climático

10 feb 2018 . Actualizado a las 19:12 h.

O catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Vigo e director de Economics for Energy, Xavier Labandeira, vén de ser elixido polo Panel Intergobernamental de Cambio Climático (IPCC), un organismo dependente da ONU, como revisor editor do capítulo 13 do informe que prepara para o 2021. Participará no grupo 3, centrado na mitigación do cambio climático. Labandeira, que xa fora no pasado autor dun destes traballos, precisa que as declaracións non relacionadas co IPCC fainas a título persoal como experto na materia, pero non como representante da institución internacional.

-Vostede revisará no seu traballo as políticas sobre cambio climático que se fan no mundo a nivel nacional e local. Xusto no campo en que traballa.

-A verdade é que o pedín eu porque é o que máis me apetece. É moi relevante porque recollerase información que será moi útil para os políticos e mesmo para as empresas.

-¿En qué consistirá o seu traballo?

-Está o traballo que fan os autores dos estudos, de revisión das políticas de cambio climático, e os comentarios que achegan os gobernos, as empresas, institucións ou outros investigadores. Hai que incorporar estas achegas e facelo ben, e é do que me encargo.

-¿Son recomendacións que deben ter en conta os gobernos?

-Non, non son recomendacións. Non é algo prescritivo, senón que os informes son unha revisión do que se está a facer, pero é algo útil, porque axuda á toma de decisións informadas. Debe axudar á toma de decisións.

-Para frear o cambio climático fan falta políticas. E España aínda non ten aprobada a lei sobre o tema.

-Cónstame que se está traballando nela e que irá na liña de avanzar cara a unha economía baixa en carbono, que é ao que nos obriga a Unión Europea. No 2050 a UE ten que estar descarbonizada.

-¿Este cambio debe implicar unha maior aposta de España polas renovables, que deixou de lado despois de ser líder hai anos?

-As renovables teñen que xogar un papel moi importante, e espero que se reactiven ao máximo. Pero hai máis cousas que se teñen que facer, como a eficiencia enerxética, e tamén habería que fixar un prezo de carbono eficiente... España pode facer moito, e debe facer moito.

-Neste contexto, vostede sempre foi partidario dos impostos ambientais. ¿Son inevitables para conseguir os obxectivos?

-Si, penso que van ser inevitables os impostos ás enerxías fósiles que recollan o dano que causan as emisións de dióxido de carbono. É un instrumento moi potente e necesario, e hai que ter en conta que a recadación que se consiga tamén debe servir para compensar á xente que se poida ver prexudicada pola subida dos prezos enerxéticos ou as comarcas afectadas.

-¿O Acordo de París contra o cambio climático poderá sobrevivir sen os Estados Unidos?

-O carbón non ten futuro, por moito que Trump se empeñe. Calquera combustible fósil vai ter o futuro comprometido. E a situación nos EUA é máis complexa, porque hai moitos estados e empresas que fan políticas climáticas moi potentes.