
Investigadores do Campus Terra da USC valorarán a calidade e o estado de saúde dos exemplares, así como o económico
06 mar 2018 . Actualizado a las 09:34 h.As árbores senlleiras de Galicia afrontan a súa primeira revisión desde que a Xunta elaborara o catálogo galego hai dez anos. Investigadores do Campus Terra da USC teñen por diante quince meses para verificar e valorar o estado das especies, elaborar fichas de cada unha delas e actualizar o catálogo, do que forman parte, na actualidade, 187 monumentos vexetais (150 árbores e 37 formacións).
A Consellería de Medio Ambiente encargoulle esta tarefa ao grupo de investigación de Sistemas Silvopastorais do campus lugués, dirixido polo catedrático Antonio Rigueiro. Para isto, teñen que visitar cada unha das árbores e estudar unha serie de parámetros: medir a altura, o diámetro na base e na copa, verificar o seu estado sanitario, de vitalidade, comprobar se necesita algún tratamento fitosanitario ou poda, identificar aos propietarios, localizar as coordenadas UTM...
Valoración económica
Ademais, tamén deben facer unha valoración económica: «Para esa valoración basearémonos na Norma Granada, é dicir, non só conta o valor que ten a árbore en canto a madeira e froito, senón que tamén se valoran aspectos estéticos, culturais, de antigüidade e localización, o que acaba normalmente en valores de miles ou millóns de euros. O obxectivo desta valoración económica é sensibilizar á poboación da importancia destas árbores, pero tamén servir como barreira fronte a agresións ou especulacións urbanísticas», explica Rigueiro.
Os investigadores lucenses terán que elaborar unhas fichas de cada árbore con todos estes datos e outras con carácter divulgativo, «para difundir e pór en valor este patrimonio». Ademais, crearán outras fichas para poñer en marcha unha aplicación informática para teléfonos móbiles, cos datos e a cartografía para que quen estea interesado poida visitalas ou mesmo facer rutas.
Rigueiro explica que o catálogo, en cuxa creación colaborou tamén hai dez anos, é un documento «vivo» ao que se van incorporando especies e do que se van eliminando outras. Os propios particulares poden presentar unha solicitude na Xunta para que se inclúan as especies que consideren aptas. Así, hai especies «suplentes» á espera de recibir o visto bo.
As características que deben pasar as especies para formar parte deste catálogo de árbores senlleiras son variadas (mírase o valor natural, cultural, científico, didáctico, estético, paisaxístico...), pero o máis importante é a endometría: «Valóranse moito as dimensións, a copa, a altura... que exceda da media». Tamén é importante a idade; de feito, a maioría das incluídas superan os 100 anos.
A «figueiriña» de Rosalía
Outro aspecto que se ten en conta é o valor cultural. «Por exemplo, está incluída unha figueira da Casa da Matanza, en Padrón, na casa de Rosalía de Castro, porque pode tratarse da figueira que a escritora plantou e que menciona no poema Adiós ríos, adiós fontes; ou o Castiñeiro da Capela, en Baamonde (Begonte), que polas súas dimensións non estaría no catálogo, pero o escultor Víctor Corral esculpiu na propia árbore a imaxe da Virxe, polo que tamén está incluído», continúa Rigueiro. Ser unha especie «moi rara» tamén puntúa: «Por exemplo, a Metasequoia do Centro de Investigación de Lourizán non chega aos 100 anos, pero é unha especie chinesa que se chegou a describir como fósil e da que empezaron a aparecer de novo exemplares no século XX. A de Pontevedra é a máis vella de España e das máis vellas de Europa», explica o catedrático.