El alcalde de Pontevedra, muy de cerca
28 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Benvidos ao resumo do resumo dunha hora e media co alcalde de Pontevedra (BNG), toda unha experiencia. Lores (Sanxenxo, 1954) dálle duro a un cigarro electrónico e desprega o seu discurso, exhaustivo case sempre, e protexido pola mirada nunca esquiva dos seus ollos pequenos, pero intensos. Semella o camarada que quixeras sempre levar de troula e, posiblemente tamén, ao que elixirías como presidente da túa escaleira.
-Acaba de chegar de viaxe.
-Si, dun lugar do Brasil que se chama Foz do Iguaçu, e que ten un dos maiores acuíferos do mundo. Fun para explicar o modelo de mobilidade de Pontevedra. No concello saímos con frecuencia a explicar o noso modelo urbano. Cada mes temos que ir a tres ou catro sitios.
-Case vinte anos xa como alcalde...
-Eu fixen de todo na miña vida, mais na vida laboral teño 19 anos de médico e 19 de alcalde. Pero eu nacín na aldea e traballei no campo, nas bateas, na descarga de camións en Santiago para pagar a carreira, levei unha sala de festas e contrataba orquestras, xoguei ao fútbol, obviamente... Cando acabei a carreira estiven de médico en Mosteiro e en Samos.
-Mellor ser médico ou alcalde?
-Teño dúbidas. Ser médico é moi satisfactorio. A xente é moi agradecida. A alcaldía é máis complicada. Eu sempre poño o exemplo do contedor: se llelo pos lonxe protestan porque está lonxe, e, se llelo pos preto, chéiralles. As satisfaccións veñen cando ves cousas feitas.
-Non se cansa?
-Se traballas en algo que che gusta e tes un equipo que é unha xoia... No meu equipo, o máis parvo fai avións. Ti tes un proxecto para unha cidade e non o podes executar nin en catro, nin en oito, nin en doce anos. Hai que facer aproveitamento da experiencia. Logo están os que din que o poder corrompe, pero vai ser que non. Hai alcaldes que se corrompen o primeiro ano, porque son uns cacos, e outros non. Estar vinte anos é un activo.
-Cando entrou, pensou que estaría tanto tempo?
-Para nada. Nunca pensas esas cousas.
-Pontevedra ten un clixé no que vostede non pega moito.
-Eu son un tipo de aldea que estudei con bolsa toda a miña vida. Dentro dos 84.000 habitantes que hai aquí, ao mellor hai cinco ou dez mil que son o que lle chaman PTV, pontevedreses de toda a vida e de certos sectores. Son deses da posta de longo, o casino, os touros e a procesión da Peregrina. Eu cortei con iso. Mire, o alcalde tiña un palco na praza de touros e a muller repartía puros.
-Nunca foi aos touros?
-Nunca. Levoume meu pai unha vez a ver os ananiños toureiros. Se puidese, quitaríaos; é algo alleo a este país.
-De que está máis orgulloso?
-Desa percepción de autoestima que os pontevedreses teñen da súa cidade.
-Como era de pequeno?
-Tímido, delgadiño... Chamábanme «suave». Había pelexas constantemente e a min dábanme de hostias todos os días. Tamén fun sancristán e no verán traballaba nas patacas, no millo.
-Defínase en catro palabras.
-Perseverante: cando quero facer algo, ao final fágoo. Inxenuo moitas veces. Cústame traballo facer demagoxia. E excesivamente espontáneo. En todas as entrevistas que fago ao final penso: «Non debería dicir isto». E son retranqueiro, no bo sentido da palabra.
-E defina agora Galicia.
-Este país é un dos máis ricos do mundo, do que me sinto orgulloso, da súa xente tamén, cun clima excepcional. Temos de todo: auga, viño, monte, mar, enerxía... E temos que emigrar. Iso é porque alguén nos está fodendo.
-Gústalle bailar?
-Non sei bailar. Cantar si, bailar non.
-Pois dáme igual, elixa unha parella de baile: Carmela Silva, Inés Arrimadas ou Soraya Sáenz de Santamaría.
-Carmela, sen dúbida.
-Ten un lugar favorito?
-A Lanzada. Eu pescaba polbos alí.
-Lin que lle gusta xogar ao mus.
-Si. E ao subastado ou á brisca. Gústame o deporte. De todo tipo. Sigo regularmente o tenis. Podo cantar os 20 primeiros do mundo.
-Celta ou Dépor?
-Os dous, aínda que algo máis o Celta.
-Sabería facer unha tortilla?
-A mellor do mundo. A miña é exquisita. A clave da tortilla son os ovos. E bótolle un pouco de cebola, de allo e de leite. Tamén fago o polbo en caldeirada estilo Ons. E dos asados xa non lle digo nada. Gústame moito cociñar.
-De que se arrepinte?
-De poucas cousas.
-Dígame unha canción.
-Eu teño un disco gravado; unha canción que se chama Segue cara adiante. Pero a canción que poño sempre cando quero animarme é Sultans of Swing, de Dire Straits. Non me aburro nunca de escoitala.
-Que é o máis importante na vida?
-Ser feliz. Durmir tranquilo porque tes a conciencia tranquila.