Javier Veiga: «Todo o mundo quere facer televisión porque quere chegar ao público»
SOCIEDAD
Estrea «Pequeñas coincidencias», a primeira serie española da plataforma Amazon Prime
05 dic 2018 . Actualizado a las 11:03 h.Un home e unha muller están destinados a coñecerse. Ou non. E a ter fillos. Ou non. Todo depende dunha serie de Pequeñas coincidencias, o título da serie de Javier Veiga (O Grove, 1973) que é a primeira española que estrea a plataforma Amazon Prime e que no seu creador produce orgullo, pero tamén un chisco de medo.
-A serie fala dun tema moi actual, que é se ter fillos e cando.
-É un tema novo, porque para meu pai non existía. Non había esta dúbida, tiñas fillos porque non había outra. E se non os tiñas había algo raro, preguntaban se che pasaba algo. Dubidar de se ser pai ou nai ou non é un tema actual, é algo da nosa xeración, e entendendo xeración como algo moi amplo, porque a idea de ter ou non fillos hai xente á que lle aparece con 20 anos e a outros ata con 60 ou 65 anos. E nas mulleres, que antes tiñan unha marxe máis estreita e agora é moito máis ampla. É un tema que está na miña mente e que está no meu contorno, e quixemos facer algo sobre esta gran dúbida que é difícil de responder. Se a tes, non ten resposta.
-Saen aí uns fillos mentais...
-[Ri] Hai unha pequena chiscadela de estilo, que é que eu falo coa filla que imaxino que chegarei a ter. No fondo non é máis que a miña conciencia, que me di as cousas que eu quero escoitar, ou máis ben que non quero escoitar, que é o que me vou perder se non chega a existir. Esa chamada da natureza facémola totalmente corpórea.
-Son oito capítulos de 50 minutos e cunha trama pechada. Este novo xeito de producir condiciona o proceso creativo?
-Fixemos un piloto sen ter o formato vendido e a duración xurdiu de xeito natural con 50 minutos. Non é unha comedia de gag nin de sitcom. É unha historia que está por riba da comedia. É unha historia contada cun ton cómico. Efectivamente, cando sabes que tes 8 capítulos de 50 minutos sabes que tes 400 minutos para contar unha historia É como contar unha película moi longa ou unha serie moi curta [ri]. Isto facilita moito esa parte creativa, a de escribir ese arco de tramas, a historia, que é a máis bonita.
-O venres xa se poderá facer maratón.
-É unha cousa que me fai moita graza, imaxinar que hai xente que esta fin de semana xa a verá completa.
-Está entre dous mundos, porque tamén a emitirá Atresmedia pola televisión convencional.
-Como é unha coprodución entre Amazon e Atresmedia, estréase en Amazon e a temporada que vén, sen data e sen canle aínda, poderase ver aí. Pero a xente que non quere que lle fagan spoilers que a vexa canto antes [ri].
-Outra cousa diferente: gravouse enteira en localizacións reais.
-Teño a sensación de que na comedia tiñamos este tipo de contas pendentes. É verdade que nas series dramáticas a evolución que houbo nos últimos anos en España é espectacular, e na comedia seguiamos un pouco máis enganchados aos mesmos preceptos. Empézanse a abrir este tipo de formatos, distintos, como esta comedia en que todo está gravado en localizacións reais, algo que require máis tempo e que é máis complexo, pero que lle dá outro look, non digo que nin mellor nin peor. Está tamén Arde Madrid, ou Vergüenza, Capítulo 0... Empezan a aparecer comedias que buscan a ese público distinto, ao que ao mellor non lle gustaba ese tipo de comedia ou que quere outro tipo de preguntas.
-É a televisión onde se fai hoxe ficción de calidade?
-Vou dicilo dun xeito moi galego: hoxe en día a televisión caga por riba do cine [ri]. A grande evolución está na televisión, pero non porque sexan mellores ou peores, senón porque a demanda manda na oferta e agora a xente pide televisión, co que os grandes profesionais, todo o mundo, quere traballar en televisión porque quere chegar ao público.