O escultor cambadés non só crea fermosas figuras... ten resposta para todo
14 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Manolo Paz (As Quintáns, Castrelo, Cambados, 1957) fala de maxia cando mostra o formidable recuncho no que chantou a súa fundación. E non mente. Alí hipnotiza todo: o contorno natural, as formas que Manolo creou e esparexeu nel e o discurso singular e retranqueiro do artista. Unha delicia. (Se lles cadra, lean as respostas co seseo propio da zona: empesas, funsión etc.)
-Que está a facer agora?
-Un proxecto para Alemaña, para un lugar preto de Múnic.
-Teño un amigo artista que se queixa de que non se vende.
-Non se vende nada. A arte está desmotivada dende arriba. O tema do IVE xa ve como está, sendo a arte unha das cousas que nos pode alegrar a vida. Se as institucións fixesen encargos...
-Como está hoxe a arte en Galicia? Porque houbo un momento de moito bulebule...
-Si, nos anos oitenta foi un fervedoiro. Para ben. En Galicia non había nin museo de arte contemporánea nin Facultade de Belas Artes e, non obstante, nós xa estabamos expoñendo en Madrid. Por certo, eu aínda non expuxen no CGAC. Non o digo con resentimento, téñoo superado. Eu antes andaba polo mundo e agora é o mundo o que vén á miña aldea. É coma un soño facéndose realidade.
-Bota de menos aqueles anos?
-Si. Había moita comunicación. Cada un coa súa arte. E aí quedou a obra. Eu deille identidade ao meu traballo no ano 1983. Daquela andaba co formigón. Estiven en Nova York. Por alí andaban Keith Haring, Andy Warhol... eles estaban dándolle unha proposta á súa urbe, facendo a súa cultura. De volta pensei que nós tiñamos que facer a nosa. Eu desbastaba a pedra, e pensei que era absurdo, que había que intervir o mínimo posible. E volvín ao menhir.
-Vostede está moi vinculado á pedra.
-Pola miseria.
-Home, a pedra é cara.
-Ca! Se fan recheos con ela! Gústame a pedra porque é como estar dentro da alma cando empezas a descubrila por dentro. Por iso intento non desbastala, non sacarlle o traxe todo, porque sería como quitarlle a identidade.
-Como encara o traballo? É metódico, móvese por arroutadas...?
-O meu traballo non é monótono. Vai en función do día. Se vai bo tempo saio ao exterior a traballar. Se chove, recóllome e deseño proxectos, desenvolvo as ideas para realizalas fóra.
-Así que se levanta e vai traballar.
-Esperto antes de que saia o sol. Teño ganas de que empece o día para facer cousas. É moi emocionante.
-Vostede acabou no sitio onde naceu. Iso é bo ou non?
-Ten varias lecturas. Pero é unha sorte que isto funcione e veña xente doutras partes do mundo. É motivador pensar que onde non había nada creei algo.
-Como era de pequeno?
-Eu valía para todo. Era o quinto de nove irmáns. E tanto mataba un porco como unha galiña.
-Mataba os porcos?
-Arre carallo! Matei miles. E polos, miles. E tenreiros, tamén. Meus pais tiñan carnicería. Eu era un neno moi observador. Ía con meu pai ás feiras e fixábame na arquitectura popular. Adquirín moitos coñecementos.
-Defínase en poucas palabras.
-Son natural como o día mesmo. Adáptome. Se chove estou ben, e se sae o sol cambio de sombreiro.
-Habería que poñer a pedra no escudo de Galicia?
-Galicia é unha nube de pedra que flota. Un día gris esmáganos a mente pero, cando sae o sol, ábrese a cúpula. Énchese todo de color; por iso me metín a escultor e non a pintor, porque a pintura xa a teño ao lado, ha, ha.
-Ve a televisión?
-Encántame. Vexo de todo. Películas que non me fagan pensar moito.
-Celta ou Dépor?
-Home, hai que ser do Celta. Pero non son moi de fútbol.
-Sabe cociñar, sabería facer un caldo?
-Gústame cociñar no verán. Un caldo si. Reláxame a cociña, porque me axuda a ordenar cousas.
-Que quería ser de pequeno?
-Toureiro. Eu sacáballe a pel a un becerro de 200 quilos en trece minutos. Pero cheguei a pensar que, con tanta festa, ía ser o máis verdugo. Así que cambiei e fun ao Gran Sol. Horrible. Só fun unha marea.
-Quen merece unha estatua e non a ten?
-Penso que Xerardo Estévez. Integrou a historia e o contemporáneo e deixou unha cidade para o futuro.
-Non sei se preguntarlle polo seu soño. Xa dixo que o fixo realidade coa fundación.
-Encántame soñar. Moitas veces non teño as esculturas feitas e xa as estou vendo; vexo unha pedra e xa estou soñando. Ás veces tamén ves outro soño horrible. Cando teño pesadelos, érgome cansadísimo. Eu soño moito, e o que máis me gusta é cando soño con voar.
-Dígame unha canción
-Starway to heaven, de Led Zeppelin.
-Que é o máis importante na vida?
-Gozala. É o regalo que temos. A poder ser, coa familia e os amigos.