Melania Cruz interpreta a Micaela Morais, un dos personaxes máis inquietantes de «Serramoura»
20 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.O regreso de Micaela foi unha das grandes sorpresas da temporada.
-Os espectadores de «Serramoura» quedaron impactados co regreso de Micaela. Como viviches ese momento?
-Empezoume a escribir xente preguntando se volvía a Serramoura. Eu non dicía nada porque hai que manter a expectación ata o último momento [ri]. O regreso á serie vivino sobre todo con moita sorpresa pola miña parte, porque é unha personaxe que a min me deu moitas alegrías, aínda que a Serramoura non, pero con moita satisfacción de ver como se recibe a volta, porque o público está como moi entregado a ese regreso e querendo saber o que vai facer agora Micaela despois de tanto tempo sen saber dela.
-Quen é Micaela?
-Micaela é unha muller da Estrada, pero que ten un pasado moi escuro. Estivo durante moito tempo no cárcere e é a xefa dun clan da mafia rusa. É unha muller que está moi afeita a levar o mando das cousas e controla a unha serie de persoas que son bastante perigosas para Serramoura ou para calquera vila.
-Con que sorpresas volve Micaela Morais a «Serramoura»?
-Micaela vai traer cousas moi inesperadas, porque, se antes xa vimos certas caras de Micaela, tanto no club coma no cárcere, o que vai pasar agora a xente non o espera en absoluto, porque eu tampouco o esperaba [ri]. Creo que vai ser algo sorprendente, que vai remover moito aos veciños de Serramoura, e van ter que asumir este regreso como poidan.
-Como te enfrontas a unha personaxe como Micaela?
-Para min é unha personaxe moi divertida de facer porque permite que, como actriz, imaxines moitas posibilidades de xogo. Facer unha personaxe que está tan afastada da realidade e que fai as cousas segundo ela cre que é o mellor, e sen preocuparse das consecuencias que poidan ter, é moi entretido.
-Os espectadores atoparán algunha diferenza entre a Micaela do pasado e a de hoxe?
-Eu creo que si. Non lle sentou ben estar este tempo no cárcere, polo que Micaela vén con ganas de vinganza, e aí quedo, para non facer algún descubrimento, que é mellor que os espectadores o vexan por si mesmos.
-Ademais de verte en «Serramoura», tamén podemos atoparte na montaxe «O empapelado amarelo». Que nos podes contar deste espectáculo?
-É unha proposta moi íntima e próxima, na que o público vai estar moi preto. É unha viaxe no universo dunha persoa que se atopa nun momento moi delicado, e acepta unha cura de repouso pechada nun cuarto de paredes amarelas. Fala do tránsito de gañar conciencia para liberarse de algo que a está oprimindo. Estreamos en Ourense o vindeiro 27 de xaneiro, e despois imos de xira e estaremos en Santiago, en Narón e noutras cidades galegas.