«Os palleiros son unha institución na vida sexual das nosas avoas»

Mila Méndez Otero
MILA MÉNDEZ A CORUÑA / LA VOZ

SOCIEDAD

MARCOS MÍGUEZ

A dramaturga Carmen Conde recolle en «Tabú» as historias reais de decenas de avoas galegas coas que conversou sobre o seu espertar sexual

29 may 2019 . Actualizado a las 18:58 h.

No espectáculo que Carmen Conde (Lugo, 1985) representa estes días hai picardía, inocencia, sensualidade, machismo e violencia. A dramaturga e guionista percorreu durante seis meses Galicia para recoller as testemuñas de mulleres que lle abriron as portas da súa intimidade. O resultado son unhas narracións únicas e documentais que acompaña de música en directo sobre un tema «tabú»: a sexualidade das nosas avoas. Este martes estivo no Fórum Metropolitano de A Coruña dentro do ciclo Elas son Artistas

-Elas tamén foron novas.

-Si, non son as nosas nais e avoas eternamente. Tamén descubriron o pracer e estiveron conectadas cos seus instintos. Quixen ir á orixe, falar con elas.

-Houbo unha revelación que motivou o proxecto. Cal foi?

-Si, unha espectacular, dunha muller da Coruña de 94 anos. Cando era nova, nos anos 30, un día foi ao cine e volveu á casa embarazada. Cando lle preguntei se ninguén se dera de conta, respondeu: «¿Y qué piensas que hacían los demás en la sala?». Nese intre pasou unha rapaza pola rúa con roupa corta. Era case verán. Ela exclamou: «¡Mira cómo van!».

-Era habitual iso entón?

-Eran os anos da II República. Tiñan unha liberdade sexual doutro nivel. O político inflúe no íntimo. Na ditadura, seguían a norma, había uns códigos: «Non casas embarazada». Moitas saltábana, por suposto. Hai toda unha vida delas que descoñecemos por escoitar. Xente que se namorou, sentiu, desexou e á que lle partiron o corazón.

Unha delas confesou: «A miña primeira vez foi unha violación. Nunca chorei tanto na miña vida»

-Había diferenzas entre o mundo rural e o urbano?

-Gozábase igual, só cambiaban as estratexias para citarse. Nas vilas de montaña agardaba que non me contasen nada da súa intimidade, pero vaia despliegue de medios! Sabes o dito de «tanto va el cántaro a la fuente»? Pois elas ían á fonte, onde o rapaz lles rompía o cántaro. Era unha escusa para acompañalas a por outro. Isto nun camiño de quilómetros polo monte no que pasaba de todo.

-Había que improvisar...

-O adro da Igrexa, as leiras, as escaleiras e os palleiros, que nunca faltan. Son unha institución na vida sexual das avoas.

-O lugar máis raro?

-Un de nivel experto. Unha muller confesoume que perdeu a virxindade enriba dun cabalo. En movemento!

-Confesaron infidelidades?

-Nin a primeira.

-Falaban entre elas de sexo?

-Só entre amigas, nunca de nai a filla. Era todo moi velado.

-Todo isto, sen chamar a atención, sobre todo, nas aldeas.

-A expresión «ela deixouse» estaba moi estendida. A sociedade elixía a quen lle poñía o estigma. En ningún caso era ao home se había un embarazo sen casar, a deixaba e quedaba solteira. Que te sinalaran podía marcar o antes e o despois dunha vida.

A sociedade elixía a quen lle poñía o estigma. En ningún caso era ao home

-Inclúe tamén confesións moi duras, mesmo de violencia.

-Hai unha liña moi delicada. O que parece broma é bastante serio detrás de palabras como un «tu vas casar comigo». As imposicións sutís son as peores.

-Falaban desas experiencias?

-Son capaces de contarche as realidades máis duras sen un ápice de gravidade. Tiven que parar no medio do proceso. Tardei un mes en retomalo. Era moita dor. Historias de abusos e violacións. É curioso, as máis duras escoiteinas na costa, na beira do mar.

conde.Carmen Conde é dramaturga, guionista e narradora oral. O seu espectáculo «Tabú» é unha narración sonora con música en directo na que presenta historias reais que recompilou ao longo de seis meses percorrendo Galicia
Carmen Conde é dramaturga, guionista e narradora oral. O seu espectáculo «Tabú» é unha narración sonora con música en directo na que presenta historias reais que recompilou ao longo de seis meses percorrendo Galicia MARCOS MÍGUEZ

Sorrisos e lágrimas

-Eran conscientes dos abusos?

-Non se asumía dicir un «non» cando se trataba do marido. Había un deberse a el interiorizado. Pero algunhas tamén foron conscientes. «A miña primeira vez foi unha violación. Nunca chorei tanto na miña vida», díxome unha das entrevistadas. Violouna o seu propio mozo. Ela puido separar ambas cousas.

-Comenta que foi unha experiencia transformadora.

-Estas mulleres cambiáronme a visión de moitas cousas.

-Foron valentes.

-Tiveron que conectar co que querían facer. Atoparse co desexo propio era moi complicado. Un desafío á autoridade, pero tamén o espazo que lles quedaba.

-Algunha coa que se quede?

-Hai unha muller maxistral, absolutamente liberada. Ten case 90 anos e é do Courel: Rubina. Estaba coa súa sobriña cando lles preguntei: «Chegáchedes virxes ao matrimonio?» Unha dixo que si, outra que non, Rubina. «Pero ti es parva!», soltoulle á sobriña. Doulle unha boa reprimenda: «A ver, para que che serviu?». (máis información sobre as representacións de Carmen Conde en www.tabu.gal). 

 Atoparse co desexo propio era complicado. Un desafío á autoridade, o espazo que lles quedaba