Paula Cereixo: «O mellor de 'A Estiba' é que é unha serie moi imprevisible»
SOCIEDAD
A actriz interpreta a personaxe de Estela no «thriller» que emite Televisión de Galicia no «prime time» dos domingos
30 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.Paula Cereixo interpreta a personaxe de Estela no thriller A Estiba que emite Televisión de Galicia no prime time dos domingos
-Despois de todo o que aconteceu, como definiría «A Estiba»?
-Eu diría que é como un furacán. Pasa de todo e hai moita tensión e suspense. Pasan cousas inesperadas. Moitos espectadores non se esperaban nada do que acabou pasando. O mellor de A Estiba é que é unha seria moi imprevisible. Sempre sorprende e estás en tensión en todo momento.
-Interpreta a Estela. Quen é esta personaxe?
-Estela é unha rapaza que ata o de agora traballaba no bar do porto. É filla de Castor, un dos estibadores, e ela criouse no porto e coñece a súa lei, igual que a familia Longueira, pero é unha rapaza que non soporta a inxustiza e a corrupción. Estela ten moitos valores e principios, pero tamén ten moito carácter. É moi traballadora e sempre loita polo que quere.
-Estela representa o lado máis amable de «A Estiba»?
-Non sei se podemos dicir que representa o lado máis amable de Ardora, pero si que é un dos puntos de luz da vila porque a maioría dos personaxes teñen un lado escuro. Estela e Kubala son personaxes con moito corazón e bo fondo. Pero a pesar de que Estela pode ser moi amable tamén ten carácter.
-Tamén é un personaxe que atravesou varios momentos moi fortes. Afectaralle máis adiante?
-En Ardora, Estela viviu e enfrontouse a cousas moi difíciles, moi potentes e moi duras. Todo isto levouna a tomar unha decisión fundamental na súa vida e que a cambiará por completo. A partir do episodio desta semana verase que Estela vai dar un xiro de 180º porque decidiu loitar máis que nunca contra a maldade, a inxusta, a corrupción e todo o que sexa escuro.
-Hai algo de Estela que os espectadores aínda non coñezan?
-Eu creo que xa vimos moito de Estela. Xa vimos a súa parte máis tenra con esa relación con Antón e polo trato que tiña co seu pai. Tamén vimos que é loitadora e que, se é necesario, non dubida en defenderse. Pero igual vemos algunha cousiña máis de Estela que aínda estaba oculta [ri].
-Como reciben en Ardora a esta nova Estela?
-Vai ser unha sorpresa total para todos os veciños de Ardora e sobre todo para Antón, porque agora xa non están xuntos. Tamén todo o mundo do porto vaise sorprender moito.
-Esta personaxe foi o seu primeiro papel principal nunha ficción. Como viviu a experiencia?
-Foi un reto persoal e profesional dende logo e unha experiencia incrible na que tiven a oportunidade de desfrutar un montón facendo o que me gusta e de aprender de todo un equipazo de grandes profesionais. Síntome moi afortunada e agradecida de poder formar parte desta familia e de poder interpretar a Estela, á cal admiro pola súa valentía, forza, corazón e principios.
-Que pode adiantar do capítulo desta semana?
-No episodio desta semana temos un salto temporal no que Estela volve á vila despois de pasar uns meses fóra. Tamén hai novas tramas e entran personaxes novos; os que quedan van evolucionar de forma moi interesante e iso vai ser moi enriquecedor. Como dicía antes, vai ser un episodio de sorpresas que ninguén pode perder [ri].