
Galardoada co Premio Nacional de Artesanía 2019, dedícase a manter vixente este calzado tradicional
05 dic 2019 . Actualizado a las 23:22 h.O de Elena Ferro (Merza, Vila de Cruces, 1975) cos zocos é algo moi especial. Coa súa firma E. Ferro encárgase de manter vivo este calzado, empregado por miles e miles de galegos no século pasado. «Estou moi orgullosa do que ocorreu, de que un calzado que estivo practicamente a piques de desaparecer leve agora un premio de artesanía». Fala do Premio Nacional de Artesanía, concedido polo Ministerio de Cultura, que recoñece o seu traballo.
«É un orgullo para nós, pero para os zocos tamén» insiste esta zoqueira, que forma parte xa da terceira xeración dos Ferro. «Meu avó aprendeu o oficio e empezou a facer zocos no ano 1915 -lembra-. Logo seguiron coa tradición miña tía, Agripina Ferro, e meu pai, Alfonso Ferro. E máis tarde cheguei eu; dende pequeniña, sempre tiven claro que ía traballar niso».
-De nena xa quería ser zoqueira?
-Si, sempre aspirei a formar parte disto. Estar no taller e traballar nel sempre foi o que me atraeu. E, cando chegou o meu momento, nunca dubidei en loitar polo que me gusta.
-En que consiste esa loita?
-En dignificar o zoco galego. Co tempo, un calzado tan desprestixiado como o foi o zoco agora pode estar en calquera lugar, mantendo totalmente a súa vixencia.
-Desprende algo emocional o feito de facer un zoco, mais alá da elaboración dun obxecto para a venda. É así?
-Claro. O zoco forma parte da nosa cultura. Protexeu a moitos labregos e labregas no rural durante décadas. A min parecíame moi inxusto que puidera chegar a desaparecer un calzado que protexeu a tanta xente en Galicia durante tanto tempo.
-Cando estivo en perigo de extinción?
-A finais dos anos setenta empezou o seu declive, xa que a xente empezou a non usalos, aínda que vivisen no rural. Os oitenta, nese sentido, foron moi malos. Eu empecei a facer cambios en 1995, para adaptalos aos tempos de agora e que se puidesen usar en calquera sitio, coma un calzado máis.
-Hai pola súa parte un afán de modernizalos cando os deseña?
-Os deseños dos zocos de hoxe en día cambian respecto aos doutras décadas, pero sobre todo adáptanse á pisada. Os terreos nos que se pisa agora non son coma os de antes. Agora písase case sempre en duro, en asfalto, baldosa ou cemento, e antes a superficie na que se camiñaba era máis branda, con herba, lama ou terra. Por esa cuestión había que facer cambios para que fosen cómodos, igual que eran antes. Non é só un cambio visual, aínda que este é importante, porque teñen que entrar polos ollos. Pero, máis alá da estética, o importante é que sexan cómodos. Estamos todo o día sobre os pés e é imprescindible que esteamos ben, sen molestias.
-Pero estamos falando de cambiar algo moi tradicional...
-Máis ben, adaptalo. Prefiro ese verbo ao outro.
-Con esas adaptacións de algo tan icónico en Galicia algunha vez lle dixeron que «iso non son zocos, iso é outra cousa»?
-Non, porque os meus zocos seguen respectando a feitura e son fieis á función principal do zoco tradicional. Teñen que ter unha base de madeira, que non pase a auga aos pés e seren quentes. Esa foi sempre a función do zoco: resgardar do frío e da humidade. Seguímolo facendo, aínda que empreguemos outras cores e variemos un pouco a madeira para adaptalos a onde se camiña hoxe en día.
-Ata onde chegaron os seus zocos?
-Nova Zelandia foi o sitio máis afastado onde sei que se mercaron. Pero son compras excepcionais. A gran maioría das nosas vendas prodúcense en Galiza e na Península. Tamén facemos envíos internacionais, pero o noso mercado maioritario está aquí, sen ningunha dúbida.
-Hai quen reivindica ese zoco colorista seu como un elemento de modernidade. Que pensa?
-Eu, basicamente, contémploo como artesanía tradicional adaptada ás necesidades de hoxe en día. Respectamos a orixe ao máximo, querendo traelo ao día de hoxe. O zoco forma parte da nosa cultura. É un calzado que nos representa, e que di moito do que somos e de quen somos os galegos. Nós o que queremos é adaptalo aos tempos de agora. Dentro duns anos, o de agora será tamén tradicional.