Rober Bodegas: «No meu caso dou por descartado obter ingresos ata o mes de outubro»
![Antonio Longueira Vidal](https://img.lavdg.com/sc/LpjtrXvb1cV0y9Q2F9OKvKN7VZo=/75x75/perfiles/136/1623055614333_thumb.jpg)
SOCIEDAD
![](https://img.lavdg.com/sc/hdRXze5lkuKC-I5RXRcBCN6Yc9c=/480x/2020/04/04/00121586018762803676604/Foto/CA5C5F1_1.jpg)
«Son como Simeone, vou partido a partido, día a día, non penso canto pode prolongarse esta situación», di o actor e monologuista carballés
05 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.O actor e monologuista Rober Bodegas (Carballo, 1982) reside en Madrid dende hai máis de doce anos. A pandemia do coronavirus colleuno en medio dunha gran carga de traballo e agora asume que a situación de crise sanitaria prolongarase no tempo, non só no que ao COVID-19 se refire, senón tamén da reactivación económica, sobre todo no seu sector, as artes escénicas.
-Como se atopa?
Atópome ben, na miña casa en Madrid. Estou san, sen síntomas apreciables e como todo o mundo, entreténdome o que podo e aproveitando para escribir cousas... E pouco máis, porque a miña actividade está parada.
-Tiña moito traballo?
-Houbo que suspender a xira. Tiña a miña función en Gran Vía de monólogos e xusto agora ía estrear un show, e claro, aprazouse a estrea... Levaba once anos na Gran Vía con diferentes shows todas as semanas e tamén tiña o espectáculo Pantomima Full. Estamos tamén no teatro Alcázar de Madrid e de xira por toda España... Tivemos que cancelar todas as funcións con entradas esgotadas en todas ou en practicamente todas. É un prexuízo, pero como hai situacións bastante peores tampouco parece oportuno queixarse.
-Está sendo todo tan caótico en Madrid como se di?
-A miña sensación, persoal, non é que sexa especialmente caótica. Claro que é máis grave porque Madrid tendo menos extensión ca provincia da Coruña son seis-sete millóns de persoas. É lóxico que haxa máis afectados, que haxa que improvisar máis, como en morgues ou hospitais de campaña, pero na vida normal non vexo diferenzas con outras cidades.
-Mantén o contacto diario coa súa familia en Carballo?
-Si, claro, por teléfono e por Skype, e fágome unha idea de como pode estar a situación alí. Ao tratarse dunha vila pequena, ao final todo é un pouco máis cómodo para vivir unha situación así, hai menos poboación... O que importa é que a familia está ben e, polo que me contan, non teñen problemas para as cousas do día a día e, iso si, con ganas de recuperar a normalidade.
-Como leva estar confinado na casa?
-Estar na casa non me preocupa. Claro que me gustaría saír, pero angustiarse non é a solución porque senón, faise todo máis complicado. Eu son como Simeone, vou partido a partido, día a día, non teño un calendario tachando os días que quedan. Procuro estar activo, facer cousas e o que teña que ser, será.
-E como é o día a día de Rober Bodegas?
-Levántome máis tarde do que é o habitual. Pola maña limpo a casa, contesto os correos electrónicos de traballo, leo a prensa, preparo o xantar, un par de días á semana baixo a facela compra... E, polas tardes, intento escribir, traballar un pouco. ¿O deporte? Quen me coñece sabe que non son moi deportista, pero si que fago algo de exercicio, sen matarse [ri]. Basicamente para non estar sentado todo o tempo. E pola noite vexo unha película ou leo un libro.
-Que será das artes escénicas cando remate o estado de alarma?
-Confío en que se recupere a normalidade. Como en case todos os sectores non vai ser inmediato, parece que hai xente que pensa que dun día para outro todo vai ser como era antes. Eu penso que será un proceso longo, iranse retomando as actividades pouco a pouco e en función de cada sector. Ao noso tocaralle cando lle toque. No meu caso dou por descartado obter ingresos ata outubro e, claro, hai compañeiros que teñen unha perspectiva de que estar sete meses sen un ingreso resúltalles complicado e pouco esperanzadora. Pero se eu a podo retomar en outubro non será tan malo. Porque unha cousa será saír á rúa cando se levante o estado de alarma, pero eu vivo das actuacións en directo e non sei cando será o día no que se poidan encher os teatros de novo e se o protocolo de prevención permitirá que haxa 700 persoas pegadas nun teatro. Por iso non ten sentido amargarse por cousas que non se sabe como van ser. Cando ocorran, se ocorren, xa se analizarán.