Anulado o Arde Lucus nas datas previstas

La Voz LUGO

SOCIEDAD

OSCAR CELA

A concelleira de Xuventude avanza que o escenario de restricións de movementos imposibilitará celebrar esta festa

25 abr 2020 . Actualizado a las 17:24 h.

Ana González Abelleira, concelleira de Xuventude, comunicoulle hoxe as asociacións e colectivos que participan na organización do Arde Lvcvs que o Concello anula a celebración destas festas previstas para o vindeiro mes de xuño debido a que «neste escenario tan imprevisible, aínda que se supere o confinamento nas próximas semanas, as medidas de restrición no movemento de persoas impedirían celebralas como ata agora, xa que atrae a miles de persoas á cidade».

A concelleira, que chamou aos representantes dos distintos colectivos por teléfono e aos que tamén lle remitiu unha carta, explicou que o Goberno local «mantivo ata o momento a máxima cautela e prudencia á hora de tomar unha decisión sobre se mantiñamos a festa, cambiabamos as datas ou a anulabamos, tendo en conta que a primeira premisa debe ser o coidado da saúde da nosa veciñanza e das persoas que nos visitan, que nunca se pode pór en risco, sen esquecernos tampouco de que estas festas supoñen un enorme revulsivo económico para a nosa cidade».

O Goberno de Lara Méndez convocou ás asociacións a unha reunión telemática o vindeiro martes para estudar con elas alternativas para manter vivo «o espírito e a chama do Arde Lvcvs, e iso suporá que traballaremos para que siga sendo ese referente festivo e cultural que sitúa a Lugo no mapa nacional e internacional», sostén a rexedora, que destaca que «a excepcionalidade deste ano suporá un reto engadido en canto a creatividade, innovación e adaptación. A excepcionalidade obríganos a pensar en ideas novas».

Nesta xuntanza online, o Concello avanzará o novo escenario no que traballa para que os participantes trasladen as súas opinións ou aportacións. «O Arde Lvcvs é unha festa de todos os e as lucenses. Xuntos conseguimos que sexa o referente que é hoxe en día e xuntos conseguiremos enfocar estas novas circunstancias para que o siga sendo», sinalou.

O Concello tamén buscará fórmulas para manter as axudas destes colectivos e inxectar fondos no sector do turismo, especialmente afectado pola derivada económica da crise sanitaria.