
Varias iniciativas promoven a creación de coplas e estruturas sen saír da casa e compartilas a través das redes sociais
02 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.O confinamento non ía ser impedimento para festexar da mellor maneira posible unha das festas ourensás de maior tradición, os maios. Co fin de poder desfrutar de todo o bonito desta celebración, inda que sexa sen saír da casa, xurde a iniciativa #CantádemeUnMaio. Trátase dunha convocatoria virtual para tódolos públicos na que participar é moi sinxelo, só hai que subir ás redes sociais unha foto da copla ou do maio realizado dende a casa e engadirlle o cancelo. «Os maios son unha parte fundamental da nosa cultura, de Ourense, e pareceunos que non podía cancelarse», explica Lois Pardo, un dos organizadores da versión confinada dos maios. O domingo encargarase de subir as propostas ao blog CantádemeUnMaio para que sirva de rúa virtual.
As respostas a esta iniciativa non se fixeron agardar e xa son moitos os que están mans á obra montando as súas estruturas naturais e escribindo as súas coplas. É o caso da familia de Mónica Fernández. Xunto co seu marido, Xan Losada, e as súas fillas, Eira e Antela, levan días confeccionando un maio caseiro. «Participamos cada ano coa Ronda da Auriense. Esta festa é un ritual de ofrecemento para ter boas colleitas, é unha loa á natureza, non podía deixar de facerse e estamos encantados con esta decisión de mantelo confinados. A elaboración do maio queda reducida ao ámbito familiar pero o domingo haberá xuntanzas virtuais cos demais membros do grupo», explica Mónica. No seu caso presentarán un maio tradicional, en estrutura de pirámide, que encherán con decoración natural: «Tivemos a oportunidade de facernos co material sen saír da contorna da nosa casa porque vivimos nunha zoa rural e iso xa é un privilexio. Iso si, será máis reducido do normal».

Algo máis orixinal están tendo que argallar Óscar Penín e Beatriz Mira, membros do grupo A Bela Auria. «Vivimos nun piso e non temos acceso a materiais naturais así que tiramos de refugallo e de imaxinación a tope», di Óscar. Farán un maio no que primen os táperes, os plásticos e as latas. «Será unha versión reciclada pero seguro que divertida e cun punto de complexidade nova ata agora», explica. Esta parella de ourensáns tamén presentará copla, algo que din lles resultará máis sinxelo que o maio creativo. «Os temas este ano sobran, tanto estatais coma, por suposto, locais así que aínda teremos que discriminar algunhas boas opcións, por primeira vez en moito tempo», adianta Óscar.
A Ronda da Auriense participará cunha copla conxunta, que tiveron que compoñer tirando de videochamadas. «Fixémola nun par de días. Como vivimos en puntos distintos da provincia xa o ano pasado tivemos que pornos de acordo por teléfono así que se diría que había experiencia», conta Xico Paradelo, un dos membros do grupo que foi xurado na edición do ano pasado grazas a gañar a mellor copla do 2018. «Levamos os maios na sangue e tiñámolos que celebrar dalgunha forma. Isto vai servir para pór en valor esta festa tan nosa e o ano que ven desfrutarémola con máis forza», termina.
A versión máis virtual dos maios tamén se festexará en outros puntos da provincia. No Barco compartirán todas as imaxes que teñan o cancelo #maiosdobarco. En Allariz continúa aberto o prazo do seu concurso online e as tres fotos do proceso de creación do maio caseiro poderán enviarse ata o domingo ao correo cultura@allariz.com. Os Maios Solidarios de Verín pódense visitar na web do Concello.