
Destinarase ao persoal propio da institución, usuarios dos servizos e aos concellos da provincia
06 may 2020 . Actualizado a las 17:10 h.O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, informa de que a institución provincial realizou un novo pedido de 212.000 unidades de material hixiénico-sanitario de protección fronte ao coronavirus Covid-19. Tomé asinou un decreto que ordena a contratación do subministro dun total de 131.200 mascarillas, 100.000 luvas, 4.000 calzas, 3.000 gorros e 100 xeles hidroalcólicos, por un importe de case 113.500€ con fondos propios.
O mandatario provincial explica que se adquire este material para a protección fronte ao virus do persoal propio da Deputación, das persoas usuarias dos servizos públicos que presta a institución, como son por exemplo os centros de atención a maiores de Pol, Trabada, Ribadeo e A Fonsagrada, e tamén para a súa distribución na provincia.
O presidente envíou este mércores unha carta aos alcaldes e alcaldesas dos concellos de menos de 20.000 habitantes (todos, agás Lugo) para informalos de que a través do persoal do Parque Móbil vaise desenvolver en vindeiras datas a segunda fase do reparto de mascarillas cirúrxicas para a protección da veciñanza fronte ao Covid-19. No escrito, avánzalles que a Deputación entregará outras 72.000 unidades para a poboación adulta e 25.000 para os nenos e nenas de ata 14 anos de idade.
60 % poboación adulta e 100 %, a infantil
Deste xeito, sinalan desde o goberno provincial, a Deputación de Lugo, con recursos propios, chegará ao 60 % da poboación adulta e ao 100 da poboación infantil menor de 14 anos censada nos municipios da provincia de ata 20.000 habitantes. «Esperamos que a Xunta de Galicia cubra o resto da poboación e dea continuidade ás necesidades que poidan darse proximamente. Hai que lembrar que as competencias en materia de Sanidade seguen sendo exclusivas da Comunidade Autónoma, polo que é a súa responsabilidade repartir este tipo de material de protección á cidadanía», recalcou José Tomé.
O presidente provincial lembra así mesmo que o Posto de Mando Avanzado da Xunta de Galicia centraliza as peticións dos concellos en relacións coas necesidades de material, en coordinación coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), tal e como publicou o Diario Oficial de Galicia o 22 de marzo. Pero explica que malia que «as competencias non residen na institución provincial, a Deputación decidiu realizar estas entregas financiadas con recursos propios para cooperar cos concellos e reforzar o abastecemento».
En concreto, este novo pedido está composto por 100.000 mascarillas cirúrxicas, 6.200 mascarillas FFP2, 25.000 mascarillas infantís, 80.000 luvas, 100 pantallas protectoras, 330 xeles hidroalcólicos, 20 botes de alcol e 100 dosificadores automáticos. A cantidade de material adquirida pola Deputación está amparada, informan desde o gobero provincial, nun informe técnico elaborado polos servizos provinciais de Prevención de Riscos e Benestar Social no que determinaron as necesidades a cubrir. «En canto recibamos o material comezaremos a entregalo nos concellos cos medios do Parque Móbil», subliñou o presidente, quen detallou que a maior parte das empresas ás que a Deputación contratou a subministración pertencen á provincia de Lugo, o que tamén contribúe á dinamización do tecido económico.
«A Deputación é a institución máis próxima aos concellos, e polo tanto á veciñanza, e temos que estar con eles para afrontar a crise do coronavirus unidos e en total coordinación e cooperación, e máis nestes momentos, nos que sobre todo os pequenos municipios, que contan con menos recursos, dificilmente poden encarar os novos escenarios que están xurdindo. É aquí onde temos un papel clave, facilitando que dispoñan de recursos para atender aos seus veciños e veciñas», subliña o presidente.