Marina Cancela, autora dun blog de crianza, naceu en Tordoia hai 38 anos e leva nove vivindo en Suíza
17 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.É 17 de marzo, tres da tarde, Lucerna cidade. Camiño lixeira cara a cita médica que teño en media hora.
Pouca xente na rúa para o que é habitual nesta cidade, apártanse cun sorriso e esperan pacientes a que outros pasen polas zonas máis estreitas. Algún sorprendido ao ver as tendas pechadas. Parece que non se decataron das medidas para conter a pandemia. ¿Como pode ser?
A dúas horas en coche, na Lombardía, a xente morre por centos. Caos sanitario.
Pasamos tranquilos de «China queda moi lonxe» ao «malo será» dos primeiros casos en Alemaña. Pero a explosión de mortes en Italia descolocounos. Os máis vellos parece que foron máis rápidos en reaccionar, pola conta que lles traía, pero tamén porque viviron máis, que é o que é ser vellos: máis vivido. Están atentos ás noticias e limítanse á información oficial para non learse. Ben feito.
Os resto, os novos, os listos, os despistados ímolo asimilando amodo. Neste momento, aos que estamos en Lucerna quédanos claro que o que temos enriba é tremendo.
Vemos algo inédito. As tendas de luxo, alta xoiería e reloxería que sempre estaban abertas prepáranse para o peche indefinido. A valiosísima mercancía está sendo asegurada e, parte dela polo menos, trasladada. Seguridade privada armada e con chalecos antibalas, os que normalmente están na porta pero en maior número, interponse entre os vehículos aparcados nas portas e o resto do mundo. Policía por todas partes.
Os turistas asiáticos, dos que moitos se queixaban, desapareceron hai semanas. Os seus cartos tamén. Esperaban, a metade con máscaras moi cool, nas portas dos comercios en quendas ordenadas, distanciados. Coma nós agora. A diferenza é que eles gastaban miles de francos. Ducias de miles nalgúns casos. Millóns de perdas en vendas. As consecuencias non se fan esperar e prodúcense miles de despedimentos na industria reloxeira nas seguintes semanas. Os que se queixaban de que lle estorbaban desexan que volvan.
Todo foi a peor por todas partes e o medo empezou a ubicarnos na realidade do mundo pandémico.
11 de maio. Desescalada. Libramos do confinamento e aínda nos custa crelo. O sistema sanitario resistiu e as residencias de maiores tamén. Por agora.
Como en todas partes, hai quen asume a súa responsabilidade individual, quen fai o que lle mandan e quen despotrica que é cousa doutros. O que pasa é que aquí está mal visto saírse do rego e a xente é lixeira chamando á policía.
Resumindo, a xente, en xeral, segue as normas por propia responsabilidade ou para evitar problemas legais que van dende unha multa ata varios anos de cárcere.
Ata agora non foi tan malo e todos queremos que isto pase. As normas son as que son. As críticas son máis pola incomodidade individual que pola eficacia que poidan ter freando a pandemia. É incrible que rápido se nos vai o obxectivo da cabeza.
Iso de ter que dar os datos cando vaiamos a un restaurante (téñenos que gardar 15 días) disque é unha tontería que non leva a ningún lado. Agora, poder localizar no mínimo tempo posible ás persoas que estiveron cerca dunha persoa contaxiada e illar os positivos é boísimo. É difícil pensar un pouco como colectivo e non sempre como individuo.
Os nenos volven ao colexio, e os mesmos que se queixaban de que onde os ían deixar mentres traballaban quéixanse de que volvan. Teñen máis medo ca antes cando aínda non aceptaran o que temos enriba. Somos lentos asimilando pero rápidos queixándonos, que se lle vai facer.
O tema agora son as vacacións. Só quedan dous meses para xullo e para moitos é difícil entender que as vacacións de verán non vaian ser coma sempre. O potencial risco que supón ir ver os nosos maiores é o problema que non podemos esquivar. ¿A onde mandamos os nenos no verán se non é cos avós? ¿Haberá corentena en moitos países? ¿Suíza porá corentenas ao volver de certos países?
Non queremos velo. A pandemia é incómoda para todos. Mortal só para algúns. Nós imos pasear polas bonitas montañas, facer moitos pícnics e bañarnos nos lagos se as medidas antipandemia o permiten. De momento, seguimos vivos e a prioridade é que siga así.
As colas ordenadas de asiáticos (con moito diñeiro) van tardar en verse en Lucerna, pero a que se formou esta semana en Zara non ten nada que envexarlle: 65 minutos para pagar no primeiro día de apertura pola mañá. Se se respectara a distancia, non chegaba o centro comercial só para esa cola. Os traballadores, traballan ¿que poden facer? Sobra dicir que a cola non pode saír da tenda e as prendas saen da tenda só cando están pagadas. Moitas pelexas con luvas, máscaras entrando e saíndo de petos, sobre as testas, debaixo do nariz, postas do revés. Estamos verdes, claro.
O seguinte, se o virus non se descontrola, vai ser ver os efectos da crise económica global a corto, pero sobre todo a longo prazo. Os que libremos do virus non imos librar dos cambios postpandemia, diso non hai dúbida e non temos forma de evitalo. Uns din que non vai ser para tanto e outros que nunca tal se viu coma o que nos vén enriba. Eu o que sei é que nunca choveu que non escampara.