Monti Castiñeiras: «O máis difícil de Santos é atopar esa naturalidade que o faga crible»
SOCIEDAD
TVG estrea esta noite, ás 22.30 horas, a nova serie «A lei de Santos», producida por Voz Audiovisual
01 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.Esta noite, ás 22.30 horas, Televisión de Galicia estrea A lei de Santos, unha nova ficción producida por Voz Audiovisual. Protagonizada por Monti Castiñeiras a serie da continuidade a Santos, un dos personaxes máis icónicos de Serramoura, o thriller rural máis lonxevo da TVG e que se despediu o pasado domingo.
-Que é «A lei de Santos»?
-A lei de Santos é un spin-off ou sexa, unha serie baseada nun personaxe doutra serie, neste caso de Serramoura, e na que se vai contar o que pasa con Santos despois de marchar de Serramoura. É unha serie de sete episodios na que se van coñecer as súa orixes e moitas das incógnitas que non se revelaron ata agora. Nesta nova aventura Santos vai estar acompañado por outros personaxes que xa coñecemos como Pancho e Peixe. Tamén ten moito elementos de wéstern, desde a música ata a concepción xeral desta serie. En xeral, na serie haberá moita emoción e moita acción, pero tamén espazo para o romanticismo...
-É necesario ter visto «Serramoura» para engancharse a «A lei de Santos»?
-Non, non é necesario ser seguidor de Serramoura para engancharse á serie, pódense ver independentemente. O único é que os seareiros de Serramoura terán máis información da personaxe e a poden ver doutra forma. Todos os seguidores de Santos poden seguir pasándoo ben co personaxe.
-Cal é o punto de partida?
-Para quen seguise o capítulo final de Serramoura non hai moito que contar porque xa se viu nese episodio. O que pasou foi que a vila de Serramoura queda desfeita e Santos está farto de levar unha vida criminal polo que decide coller unhas vacacións e decide volver á súa casa familiar. Este é o punto de partida de A lei de Santos. El quere atoparse de novo co seu pasado porque ten algunhas contas pendentes e quere saldalas. Pero a partir de aí os acontecementos desátanse e esas contas pendentes que ten do pasado ocuparán todo o seu tempo, polo que non poderá descansar (ri).
-Cales son os mundos da serie?
-En A lei de Santos están representados os mundos que habería nunha vila da vida real, coa particularidade de que a serie xira entre a delincuencia e as forzas da lei. Viladesantos é unha vila rural no que a súa principal fonte de riqueza é a gandería. Entre os mundos que se atopan está a Garda Civil, os gandeiros, o párroco e tamén, como non podía ser doutro xeito, o mundo criminal (ri).
-Quen forma parte de «A lei de Santos»?
-Na serie estou moi ben rodeado e poderemos ver a unhas actrices e a uns actores fantásticos que estarán nos dous lados da lei. Ademais de Xabier Deive e Andrés Giráldez, o elenco está formado por Sonia Castelo, Marcos Viéitez, Iria Sobrado, Carlos Villarino, Victoria Teijeiro, Ferderico Pérez, Lidia Veiga, Xoán Fórneas, Adrián Ríos ou Mercedes Castro, entre outros... Xa digo que estou moi ben rodeado.
-Santos é un personaxe que se fixo indispensable en «Serramoura» e agora convértese no protagonista da súa propia serie. Que supón para vostede este salto?
-Supoño que é o que queriamos ter todos os actores algunha vez. Primeiro por ter un personaxe protagonista, que é o primeiro protagonista na miña carreira, e porque neste caso é un personaxe que naceu e tivo un percorrido noutra ficción. Se puidese ter o calor e o agarimo do público outra vez sería marabilloso. Sempre me pregunta que é o que me deu Santos e sempre digo que me deu todo. Deume uns anos estupendos de traballo, varias candidaturas a premios, un Mestre Mateo, que é o único premio que teño de interpretación na miña carreira, non podo falar máis que marabillas de Santos.
-Que ten Santos de Monti Castiñeiras?
-Un do outro temos moi poucas cousas (ri). Se hai algo no que coincidamos pode ser no sentido do humor. Eu, como son bastante tímido, ás veces podo parecer serio pero teño moi sentido do humor. É coñecido por todos que Santos ten esa retranca tan nosa polo que isto é o que creo que temos en común.
-Que é o máis difícil de interpretar a este personaxe?
-Eu creo que o máis difícil de Santos, ou de calquera personaxe, é atopar esa naturalidade que o faga crible. Para min é difícil facer algo dun personaxe que ten moi pouco ou nada que ver contigo porque cando fas outros personaxes cos que podes atopar algo de relación é moito máis doado. Santos móvese dunha forma diferente á que me movo, fala dun xeito totalmente diferente ao meu, todo é diferente... Canto máis diferente é o personaxe de ti mesmo, meterte na súa pel é un reto moi complicado.
-Cal é o drama vital de Santos?
-Todos os que vimos Serramoura lembramos que Santos ten outra cara que coñecemos cando chegou a tenente Rivas. É unha cara sensible e incluso delicada. O drama nese caso foi perder a ese amor que nin el contaba con atopar. O que imos ver agora en A lei de Santos pode ser que teña que ver tamén con esa cara amable de Santos. O que está claro é que haberá que ver a serie para descubrir ese pasado de Santos que nos pode achegar moitas cousas.
-Por que cre que Santos conectou tan ben cos espectadores?
-Quero deixar claro que non tes que ser un delincuente para identificarte con Santos, pero creo que a xente identifícase con el porque ten esas cousas que queremos ver na ficción, sobre todo esa forma de falar tan súa, que foi básica para conectar coa xente. Os diálogos están moi ben construídos, son moi naturais, e cando alguén fala coma o teu veciño ou como alguén que coñeces, sempre coa distancia de que é unha ficción, é máis sinxelo que o público se achegue a ese personaxe.