Análise e debate sobre o crime de Diana Quer en «Na mente do asasino»

H. R. REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

.

TVG emite esta noite a partir das 22.30 un documental sobre o asasinato cometido por O Chicle

03 nov 2020 . Actualizado a las 20:25 h.

Na mente do asasino, o programa que produce Voz Audiovisual repasa esta noite o crime de Diana Quer, un dos que máis conmocionaron a sociedade galega nos últimos anos. Televisión de Galicia emite a partir das 22.30 horas o documental sobre o crime que cometeu José Enrique Abuín, máis coñecido como O Chicle e que mantivo en vilo á familia de Diana durante 500 días. O asasino abordou a Diana Quer cando volvía a súa casa despois das festas en A Pobra do Caramiñal o 22 de agosto do 2016. Meteuna no maleteiro do seu coche e levouna ata unha nave da parroquia de Asados, en Rianxo. Alí agrediuna sexualmente e acabou coa súa vida. Conseguiu eludir á xustiza, ate que un novo intento de agresión sexual en Boiro ofreceu as forzas de seguridade a pista definitiva. Sempre estivo baixo o seguimento dos investigadores, pero non foi ata case un ano e medio despois cando conseguiron detelo e que confesara onde agochara o corpo da rapaza. Remataban así 500 días de agonía para a súa familia e de inquedanza para os veciños do Barbanza.

O documental afondará do perfil psicolóxico de O Chicle coas intervencións de Jorge Sobral, catedrático de psicoloxía criminal; Javier Romero, xornalista; Xosé Narciso Pérez Sampedro, Protección Civil; Antonio Tubío Piñeiro, policía xubilado; e Fernando Serrulla, forense do Imelga; entre outros.

No debate posterior o xornalista Pablo Carballo estará acompañado por diversos expertos de diferentes ámbitos para analizar se os depredadores sexuais poden reinserirse, xa que convén lembrar que O Chicle fora acusado fai anos pola súa cuñada dunha agresión, e tras acabar coa vida de Diana, tentou de novo secuestrar a outra rapaza no Nadal do ano 2017 en Boiro. Ricardo Pérez Lama, avogado; Patricia Alcaraz, perito, e Javier Romero, xornalista, participarán no coloquio posterior, que tamén contará coa presenza de Juan Carlos Quer, pai de Diana Quer.

José Enrique Abuín foi condenado a prisión permanente revisable en decembro do 2019.

Quince documentais

Na mente do asasino é unha serie de quince documentais, acompañado doutras tantas mesas de debate posteriores presentadas que afondan nos impulsos e pensamentos das persoas que cometeron algúns dos crimes galegos máis impactantes dos últimos tempos.