Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Xoán Fórneas: «Todos os personaxes agochan algo e máis nunha vila como Viladesantos»

h. r. REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

TVG emite este domingo, ás 22.30 horas, un novo capítulo de «A lei de Santos», o «spin-off» de «Serramoura»

15 nov 2020 . Actualizado a las 15:26 h.

Hoxe, ás 22.30 horas, Televisión de Galicia emite un novo episodio de A lei de Santos. A actriz Lidia Veiga e o actor Xoán Fórneas interpretan a Uxía e Duarte neste spin-off de Serramoura. No capítulo, Santos, Pancho e Peixe vense obrigados a facer un segundo intento de atraco despois de que o resultado da primera parte non fora o esperado. Por unha parte, Peixe, que tiña que pasar o máis desapercibido posible, fixo todo o contrario durante o enterro de Severino, e por outra, Santos e Pancho non conseguiron acceder á caixa de seguridade do banco.

Pregunta. Na serie interpretan a Uxía e a Duarte. Quen son estas personaxes?

Lidia Veiga. Uxía é Garda Civil, é un rapaza moi normal, que ten unha vida tranquila nunha vila que tamén é moi tranquila, e no momento no que ve que hai un pouco de movemento nesa vila pois ela con toda a súa xuventude e as súas ganas de traballar está que lle ferve o sangue por descubrir ao asasino de Severino. Ela ten unha parte de xenio e de pronto rápido que ela entende que é parte da súa adolescencia e da súa xuventude, pero en realidade non é así. Uxía non sabe que o seu pai, por xenética, é Santos. Creo que a personaxe de Uxía é moi bonito porque está moi vivo. Ademais é fantástico encarnar á xuventude nas series e darlles un pouco de voz. Queda moito por ver de Uxía en A lei de Santos e terá que resolver cuestións importantes.

 

Xoán Fórneas. Duarte é un tipo con moita inocencia pero tamén ten un lado máis canalla con moitas ganas de sobrevivir. Fíxome moi ilusión interpretar a Duarte porque recoñezo a esta personaxe no entorno onde eu medrei, polo que tiven moito onde inspirarme. Tamén aproveito para agradecer a Ozo, o director da serie, a posibilidade que me deu para construír a Duarte con certas dualidades. Tamén é moi ilusionante que a Televisión de Galicia aposte nas ficcións con personaxes da nosa idade, non só por ser unha oportunidade para actores máis novos, senón tamén para chegar aos espectadores máis novos que son os espectadores do futuro.

P. Como construíron a relación de parella entre eles?

L. V. Duarte e Uxía son unha parella moi peculiar [ri]. A gravación foi moi rápida e o mesmo día que nos coñecemos xa empezamos a traballar. O principal era crear o motivo polo que estas persoas tan diferentes quérense tanto porque, na miña opinión, é algo moi curioso. Traballar con Xoán é moi doado e creo que a formulación que fixo de Duarte é o de un personaxe moi bonito traballado desde a honestidade.

X. F. Uxía e Duarte son personaxes que teñen unhas personalidades moi diferentes, que se queren e que están para axudarse o un ao outro. Para min foi unha sorte atopar a unha compañeira como Lidia porque non tiven a sorte de coñecela antes de A lei de Santos. Lidia é moi humilde e moi boa actriz, polo que foi un auténtico pracer traballar con ela.

 

P. Polo que estamos vendo en Viladesantos, hai personaxes teñen moito que ocultar. Tamén é así no caso de Uxía e Duarte?

L. V. Haberá que velo para sabelo [ri]. O bonito de A lei de Santos é que todos os personaxes, aparte de estar vinculados á trama principal, teñen os seus propios conflitos e iso é moi agradecido. E con Uxía e Duarte vai pasar o mesmo.

 

X. F. Traballamos na liña que nos propuxo o director e é unha especie de thriller cómico con tensións e segredos. Todos os personaxes agochan algo e máis nunha vila como Viladesantos, aínda que ao final todo se sabe. Pero é moi interesante o que isto aporta ás tramas.

 

P. Que supuxo para vós participar en A lei de Santos?

 

L. V. No meu caso é a primeira vez que estou traballando para a televisión, polo que A lei de Santos foi un auténtico reto profesional. O feito de enfrontarme ao meu primeiro papel nunha ficción e facelo de golpe sen estar habituada aos ritmos que implican, pois para min foi complicado emocionalmente porque o meu obxectivo era estar á altura do resto do elenco. Ao final traballamos con xente que leva moito tempo no audiovisual e sentía a necesidade de estar á altura. Ese foi o reto máis grande de todos. Foi unha oportunidade coa que estou moi agradecida.

 

X. F. Teño que dicir que para min Lidia é un claro exemplo de como aproveitar unha oportunidade. E pola miña parte, A lei de Santos constituíu un reto en canto á personaxe. Traballei con referencias de xente que coñezo. Tamén o ton máis cómico que ten a serie foi unha oportunidade para experimentar nesa faceta. O ritmo de gravación tamén supuxo unha aprendizaxe. Hai que ir moi rápido, son poucas tomas e o actor sempre sofre un pouco, porque está exposto e ten que dar o mellor de si.

 

P. Que nos agarda no episodio desta noite?

L. V. Xa case estamos chegando ao ecuador da serie polo que os personaxes xa comezan a ter moito que dicir.

X. F. Efectivamente, neste episodio comeza un efecto dominó no que os segredos comezan a saír á luz.