Santos pasa de atracador a atracado en «A lei de Santos»

H. R. REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

TVG emite esta noite o antepenúltimo episodio da ficción de Voz Audiovisual

29 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Este domingo, a partir das 22.30 horas Televisión de Galicia emite o antepenúltimo episodio de A Lei de Santos, a ficción de Voz Audiovisual que da continuidade ao personaxe de Serramoura interpretado polo actor Monti Castiñeiras. 

No capítulo desta noite o novo atraco á oficina bancaria de Viladesantos colle por sorpresa a todos os habitantes da vila. Sobre todo, despois de que o mesmo espazo sufrise outro roubo hai pouco.

Pero, a diferenza da primeira vez, Santos, Peixe e Pancho non son os atracadores senón que convértense en vítimas do asalto. Unha circunstancia coa que non contaban nin os efectivos do cuartel da Garda Civil, nin Constante, o tío de Santos e párroco da vila que culpa ao seu sobriño de todas as desgrazas que acontecen nos últimos tempos.

Nesta ocasión, Santos e Peixe atopábanse na sucursal bancaria completando unha acción altruísta. Estaban facendo entrega dos cartos que colleitaron para axudar á cooperativa gandeira da vila e que se atopa nun mal momento económico. A morte de Severino, o administrador da cooperativa, en estrañas circunstancias, puxo de manifesto a delicada situación financeira dos gandeiros de Viladesantos.

Non obstante, o verdadeiro motivo de Santos era aproveitar ese momento de distracción para que Pancho devolvese á caixa forte do banco a cabeza que atoparon na caixa de seguridade de Antonia, coa intención de que a personaxe que interpreta Sonia Castelo deixe de consideralos un obxectivo a bater. Pero o atraco afecta ao plan de Santos.

Sen tempo que perder fará todo o posible por gañar tempo e manter aos atracadores á marxe, a pesar de que fixeron como reféns a todos os que se atopaban nese momento na oficina. Conseguirán saír desta?