Carlos Villarino: «Chegamos a un momento crucial para saber que vai pasar cos personaxes en 'A lei de Santos'»
SOCIEDAD
TVG emite o penúltimo episodio da serie este domingo ás 22.30 horas
04 dic 2020 . Actualizado a las 17:54 h.O domingo ás 22.30 horas, Televisión de Galicia emite o penúltimo episodio de A lei de Santos, a serie derivada de Serramoura. O actor Carlos Villarino interpreta a Rafael, un antigo amigo de Santos na ficción producida por Voz Audiovisual.
-O domingo emítese o penúltimo episodio de «A lei de Santos». Que pode adiantar deste episodio?
-Estamos chegando a un momento crucial no que temos que saber o que vai pasar cos personaxes da serie. O que máis me atrae é saber o que vai pasar coa familia de Rafael. Paréceme moi importante o detalle que el revela a Santos durante o atraco á sucursal. Rafael devólvelle o dereito a Santos de saber quen é Uxía e isto vai crear unha nova orde nas relacións entre eles. Laura terá que decidir se quere a Santos ou non. Uxía terá que decidir quen é o seu verdadeiro pai. E Rafael terá que buscar o seu sitio.
-Como se enfrontou a Rafael?
-Estou moi agradecido de que pensaran en min para facer de Rafael porque é un personaxe moi variado. Como ben di nun episodio, Rafael traballa con cartos e gústanlle os cartos. Creo que cando era máis novo sentiu que o mundo era inxusto porque se lle pechara a porta ao amor con Laura por culpa da relación con Santos. Ese sentimento de inxustiza é o que lle move a actuar como o fai. Aquela xogada que lle fixo a Santos foi unha vitoria, pero tamén o inicio dun camiño sen saída. E penso que se puidese volver atrás intentaría empezar con Laura dunha forma menos canalla.
-Polo que levamos visto da serie, Rafael non é moito de fiar. Cales son as súas motivacións?
-É moi ambicioso e considera que o importante é ter cartos para ter poder. De todos os xeitos, no momento no que Santos chega á vila, comeza a ter medo de perder a súa familia.
-Ata onde chegará a súa alianza con Antonia?
-Rafael está sempre do lado do poder e o seu obxectivo é sacar partido de todo. Antonia supón unha oportunidade para encher os petos. El axústase a como están as cousas agora. Está atemorizado por Antonia pero el tamén é moi intelixente e saberá obter algún beneficio desa situación.
-«A lei de Santos» ten a particularidade de contar o pasado dalgúns personaxes. Como enfocou os «flashbacks» de Rafael na serie. Foi doado rexuvenecer?
-Hai que dicir que o traballo de perruquería, maquillaxe e vestiario foi espléndido. Para min foi moi bonito poder recuperar as sensacións que tiña cando era máis novo e recuperar ese momento no que a amizade é máis valorada e o amor é tremendo. Neste traballo temos a sorte de poder deternos neses mundos do noso pasado e poder lembrar as sensacións doutros momentos vitais.
-Que supuxo para vostede participar nesta serie?
-Traballar co director de A lei de Santos foi moi doado porque permitiu que as cousas fluísen. Teño unha sensación de facilidade, de que as relacións entre os personaxes eran moi naturais grazas a esa fluidez da dirección.
-En que novos proxectos está inmerso neste momento?
-Agora mesmo estou cun equipo estupendo traballando en Método criminal, unha nova serie de Voz Audiovisual para Televisión de Galicia; e tamén estou en Un asunto privado, de Bambú Producciones para a plataforma Amazon Prime.
-Como se adaptou o traballo das ficcións aos protocolos contra a covid-19?
-A verdade é que un ten que afacerse á nova dinámica das rodaxes. Hai que gardar as distancias e manter a máscara posta, agás cando estamos gravando, e cando rematan as secuencias volvemos a poñer as máscaras. É o que nos toca vivir e ogallá que non dure moito máis.