O souto dos Ancares que tivo teleférico
Entre os anos 1915 e 1925 Cervantes tivo o maior funicular de Europa dedicado ao transporte de madeira. Con oito kilómetros e cinco torres fixas, era movido grazas a unha máquina de vapor construída en Vigo
Todo o val está tinguido de branco pola neve. O transcurso do río Ortegal escóitase dende a estrada pero ao poñer os pés no souto, todo torna en silencio. As fragas, moitas veces esquecidas, conforman rutas de sendeirismo polos Ancares que ademais de fermosas lembran unha forma de vida tradicional. A cultura en moitas vivendas da montaña de Lugo confórmase con elementos como as uriceiras (así se nomean aquí ás ouriceiras), que din como foron as aldeas en tempos nos que na casa máis deshabitada vivían dez persoas. Son construcións tradicionais que estaban nos soutos e onde se gardaban —sen abrir— os ourizos das castañas. Alí, no interior da uriceira, cubríase todo o recollido con follas dos castiñeiros. Era a forma de que se conservaran durante varios meses e de protexelas ao mesmo tempo dos animais salvaxes.
O souto dos Cabaniños está na parroquia de Donís, en Cervantes e dous veciños xa maiores de Vilarello son os que se encargan ano tras ano de recoller os seus froitos, pero tamén de coidar ben dos carreiros que permiten chegar ata os castiñeiros. O desbroce neste paraíso natural faise a man posto que non é posible —nin recomendable— meter maquinaria nun lugar que paga a pena conservar. Aquí está unha das fragas naturais mellor gardadas da provincia lucense, pouco coñecida pero moi valorada por todos aqueles que entenden o que son os montes dos Ancares.
Ás tonalidades e variedades do manto vexetal que recobre o val únese o branco da neve, con capas de ata medio metro. Sen ela, os vales que conforman a fraga son verdes e sobre as ladeiras descansan carballos, faias e bidueiros. As ramas están ao límite pola gran carga de neve e nalgúns casos, partiron pola forza do temporal.
Entre 1915 e 1925 Cervantes tivo o maior teleférico de Europa dedicado ao transporte de madeira. Eran oito kilómetros e a súa base estaba aquí, en Cabaniños. Construído pola sociedade Explotación Madereira dos Ancares e financiado pola Banca Riestra de Pontevedra, a explotación de madeira a grande escala fixo que destes montes saíran moitas árbores. A firma chegou a construír unha pista dende Doiras ao teleférico e mesmo ata O Portelo, onde a madeira partía cara a Villafranca del Bierzo.
O teleférico tivo torres en Buixicido, Fieiro, Alto do Sollo, Pando e Aucella e estivo movido por unha máquina de vapor feita en Vigo. Dende Doiras e ata Os Cabaniños, a madeira era transportada nun carreto tirado por 20 parellas de bois, que avanzaban a diario dez metros pola estreita pista forestal. Nas curvas, era desprazada a man por operarios que se valían de pancas. Así foi a vida nos Ancares.