Lidia Veiga, de «Método Criminal»: «Gaila terá que descubrir todo o panorama que hai detrás de Luís»

h. r. REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

Cedida

A actriz da vida á filla de Luis Iglesia na ficción de Voz Audiovisual

28 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe, a partir das 22.30 horas Televisión de Galicia emite un novo episodio de Método Criminal no que a actriz Lidia Veiga interpreta a Gaila, a filla de Luis Iglesia na ficción.

-Como definirías a túa personaxe?

-Gaila é unha rapaza que ten moita personalidade. Na biografía que me pasaron ao comezar o proxecto sobre ela, o que me chamou a atención desta personaxe foi o seu carácter porque é moi madura para a idade que ten. Parece que o seu pai é a súa media laranxa (ri). Está moi unida ao seu pai, e o seu pai a ela. Fan un grupo fantástico porque se teñen o un ao outro. Creo que vai ser unha personaxe que vai dar moito que falar a partir do episodio desta noite no que vai comezar un conflito co seu pai, co seu mozo e con sigo mesma. Todo isto vai facer que vexamos a Gaila con máis carácter e máis personalidade.

-Polo que levamos visto na serie, a Gaila a define moi ben a relación que mantén co seu pai. Como a construístes?

-O tempo co que xogamos era moi limitado porque a produción foi moi precipitada. Eran moitas horas e ao mellor non tivemos moito tempo previo de ensaios. Pero é verdade que con Luís foi moi fácil traballar, incluso desde o mesmo momento do casting, de feito xa sentira que, dalgunha maneira, era o meu pai. Quero dicir con isto que tiven a sensación de que era unha persoa na que podía confiar e deixarme levar pola seguridade que me transmitiu. Creo que todo isto o puidemos levar ao traballo coas personaxes e ao final vese en pantalla que estamos moi cómodos traballando xuntos. É moi bonito vivir un proceso deste tipo.

-«Método Criminal» é o teu segundo proxecto nunha serie de ficción, como te enfrontaches a esta circunstancia?

-Eu creo que todos os proxectos teñen que impoñer. En primeiro lugar porque ao final son traballo e eu quero velos como oportunidades novas de coñecer xente e traballar xente que leva moito tempo aí., sobre todo xente nova coma min. Temos que aproveitar estas oportunidades para empaparnos e absorver como esponxas todo o que poidamos do noso entorno. Xa non só impón Luís Iglesia, senón todo o reparto da serie porque levan moito tempo traballando e ves que teñen moitos recursos como actores e actrices. Sempre é un pracer traballar con todos eles e teño un pouco de pena por non poder traballar máis tempo con eles porque hai tantos personaxes e tantas tramas abertas que é moi complicado que todos os personaxes coincidan.

-Aínda que Luís e Gaila teñen unha relación entre pai e filla moi bonita, Gaila descoñece todo que lle pasa ao seu pai. Isto pode chegar a ser un problema?

Por suposto (ri). Disto aínda non podo dicir moito, pero o que imos ver nos vindeiros episodios é como Gaila ten que afrontar esta parte de seu pai que lle garda un segredo. Gaila terá que descubrir todo o panorama que hai detrás de Luís e ela atoparase nunha situación que a vai sorprender moito.

-Sen embargo, a relación con Ricardo, o seu mozo, é totalmente diferente...

-A verdade é que moi curioso este aspecto. Desde o primeiro momento vemos que Luís manifesta de forma clara e directa que non lle gusta Ricardo. Eu creo que é moi divertido ver a personaxes novos con tramas moi achegadas ao que é a adolescencia. Gaila non deixa de ser unha rapaza que, a pesar de ter as cousas moi claras e ser moi responsable, aínda é moi nova. O seu pai é capaz de ver ao verdadeiro Ricardo pola experiencia pero Gaila non. Ao mellor Gaila é a que ten razón e o que está equivocado é o seu pai (ri). A verdade é que é moi bonito ver a esta personaxe nun conflito que coñecen antes os espectadores que ela mesma. Todos vemos vir a Ricardo pero ela non.

-Que falta por ver de Gaila en «Método Criminal»?

-Creo que falta por ver quen é Gaila porque agora a vemos en relación co seu pai ou co seu mozo e vemos o seu comportamento neses entornos. Falta ver a Gaila fóra dese entorno protexido e confortable. Temos que vela descubríndose a si mesma, descubrindo outras realidades da vida de seu pai ou da súa nai, e vela como a súa vida toma outras cores.

-O teu primeiro traballo nunha ficción foi en «A Lei de Santos», co que acadaches a candidatura como mellor actriz de reparto nos Mestre Mateo 2021...

-Realmente foi totalmente inesperado e alégrome moito tamén polas miñas compañeiras. Cando vin as candidaturas non me imaxinaba que puidese estar como finalista porque había moitas producións. A Lei de Santos foi o meu primeiro traballo nunha ficción e creo que ninguén imaxina optar a uns premios tan pronto e estou moi agradecida. Non teño nin idea do que vai pasar na gala dentro duns días, pero estar aí é un auténtico agasallo.