Esther Estévez: «No ''Dígocho eu'' sempre dicimos que o peor galego é o que non se fala»
SOCIEDAD
A presentadora do programa da TVG soluciona as dúbidas sobre o idioma
07 jun 2021 . Actualizado a las 21:40 h.Esther Estévez (Verín, 1997), leva máis dun ano arranxando dúbidas sobre o galego en vídeos curtos que comezaron emitíndose na TVG. O seu éxito foi tal que xa teñen canle en Tik Tok e en Twitch.
-Como xurdiu o proxecto?
-Eu comecei no departamento de redes sociais e contidos web da CRTVG e o coordinador é Carlos Amado. Foi a el a quen se lle ocorreu a idea a finais do 2019, dixo que quería facer algo para intentar que todos melloráramos un pouquiño o galego cada día en vídeos curtos en formato para as redes sociais. A idea base seguímola mantendo, pero que todo se foi transformándo co paso do tempo.
-O «Dígocho Eu» está en continua evolución.
-Si, o proxecto non para de evolucionar, e é esa unha das cousas máis bonitas que ten. Se ves os primeiros vídeos hai un cambio abismal, eu mesma estou aprendendo moitísimo, ao principio estaba moi cohibida, con moito medo. Ao comezo eran vídeos máis convencionais, despois saltamos ao Tik Tok e agora acabamos de abrir unha canle no Twitch. No equipo somos tres persoas, Carlos Amado, a lingüista Rocío Pérez, que é imprescindible porque ela é a que ten as nocións do galego, e eu. Quero recalcalo porque a xente pensa que eu son a sabelotodo do galego. Agora gravo eu sola e edito eu os vídeos porque producimos un montón de contidos. Seguimos sendo o equipo de sempre, igual se isto segue medrando precisamos outra Esther. (Ri).
-Acaban de chegar a Twitch.
-Eu tiña moito medo e moitas ganas. Pero agora estou súper contenta. Sentinme moi cómoda desde o comezo, non era usuaria de Twitch. Ao final é seguir na liña do Dígocho Eu pero adaptándonos ao formato e como estou encantada, da igual como o fagamos. Imos a estar sempre luns e mércores. Os luns cun convidado e os xoves co apuntamento lusófono e vai estar con nós Rodrigo Paganeli, un actor portugués.
-Que balance fai deste tempo?
-Eu coma quen di acabo de saír da carreira e para min todo isto que está pasando é unha animalada. Non pensei tan pronto traballar no meu e menos estar tan a gusto e desfrutar tanto e que fora o éxito que está sendo. Pola rúa non me recoñecen moito pola máscara pero na tele xa me están dicindo que me prepare para cando todo isto remate porque vou alucinar. De momento eu fago a miña vida normal, si que algunha vez me recoñeceu alguén e faime ilusión pero póñome moi colorada.
-Que tipo de comentarios lle chegan polas redes do programa.
-Chégannos cousas por todas partes, pero Tik Tok é quizais o que máis nos sorprendeu. Estamos moi contentos da interacción aí porque vemos que se nos ve fóra de Galicia e mesmo a nivel internacional. Estamos aprendendo a ver cómo non hai que subestimar o idioma que un fala. Estamos un pouco apoucados, pero para nada, chégannos mensaxes dicindo que temos un idioma precioso, que teño un acento precioso. Xente que ten antepasados galegos que recorda as súas raíces vendo os vídeos.
-Hai algún erro que non leve moi ben do galego?
-Pásame cos pronomes, porque os temos tan interiorizados que nos asubían os oídos. Pero intento poñerme na pel, eu o que quero é que a xente fale galego sen medo. E o tema dos pronomes é unha das cousas máis difíciles para alguén que comeza a falar de novo, ten que escoitar moito galego e falar moito galego ata que meta os pronomes onde teñen que ir. Hai que botarse a falalo e, se se comete un erro, tentar corrixilo. Eu mesma corrixín algúns erros que cometía. No Dígocho eu sempre dicimos que o peor galego é o que non se fala.