O concurso acumula un premio de 12.000 euros desde a súa estrea en xuño
02 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Atrápame se podes, o concurso que combina cultura e humor de domingo a xoves en Televisión de Galicia, entrega esta noite o seu primeiro bote. O concurso, que se estreou a finais de xuño, acumula desde o principio das emisións un premio de 12.000 euros que desde hoxe mesmo terá dono.
Ata agora, ningún concursante de Atrápame se podes conseguiu facerse co premio do concurso, aínda que en varias ocasións, algún participante estivo moi preto de acadalo. Pero esta circunstancia cambiará esta mesma noite.
Noelia, Ibán, Ramiro, Isa e Hugo son os cinco concursantes que participan durante esta semana en Atrápame se podes, e un deles será o afortunado que conseguirá facerse co premio de 12.000 euros despois de subir todos os chanzos da escaleira final do programa acertando todas as preguntas formuladas por Paco Lodeiro, o presentador do concurso, sen cometer nin un só erro.
Todo comezará este xoves arredor das 22 horas aproximadamente, no horario habitual do programa.
Atrápame se podes é a aposta de Televisión de Galicia para o prime time de domingo a xoves. Trátase dun concurso de preguntas e respostas no que cinco concursantes, os mesmos durante os cinco días da semana, teñen que enfrontarse a varias fases eliminatorias de preguntas de cultura xeral, aínda que moitas delas estarán adaptadas á idiosincrasia galega.
Atrápame se podes consta de catro fases. Na primeira parte do concurso, Batería de preguntas, xogan os cinco concursantes para ir entrando en materia. Na segunda rolda eliminatoria, Duelo de temas, cada concursante deberá elixir un asunto e un adversario para que nun minuto e medio responda a catro preguntas relacionadas entre si. Ao rematar a proba, o que menos puntuación teña deixará a competición.
Na terceira fase, Branco ou negro, os semifinalistas farán equipos de dúas persoas e colocaranse fronte a un atril con dous botóns: un branco e outro negro. Alternativamente, cada parella deberá responder a unha pregunta de dúas opcións en 15 segundos.
Os dous mellores clasificados son os finalistas do día e bátense nun emocionante duelo na última rolda do programa. O primeiro en alcanzar o máis alto da gran escaleira final será o que leve o bote acumulado. Con cada acerto subirán un chanzo e poderán levar o bote acumulado pero, se fallan, perderán a oportunidade para conseguir o premio e terán que conformarse cun petisco de 200 euros. É gañador do día o finalista que suba antes que o seu rival as escaleiras.
Desde a súa chegada á grella da Televisión de Galicia, no pasado mes de xuño, polo espazo pasaron xa un total de 45 concursantes diferentes que se repartiron máis de 9.000 euros en premios. O programa conta, ademais, coa complicidade do público, reunindo cada día a unha media de máis de 87.000 espectadores cun 11% de cota de pantalla. Atrápame se podes é a adaptación para a TVG do formato de Mediapro Atrápame si puedes, que acumula varias temporadas como éxito de audiencia en diferentes canles autonómicas.