Monti Castiñeiras: «A segunda temporada de "A lei de Santos" empeza co protagonista retirado, pero vaille durar pouco»
SOCIEDAD
A serie de Voz Audiovisual estrea a súa segunda entrega o domingo 19 de setembro en TVG
12 sep 2021 . Actualizado a las 16:46 h.O domingo 19 de setembro, Televisión de Galicia estrea a segunda temporada de A lei de Santos, a ficción de Voz Audiovisual protagonizada por Monti Castiñeiras e que da continuidade a Santos, un dos personaxes máis icónicos de Serramoura.
-Que atoparemos na segunda temporada?
-Esta temporada de A lei de Santos vai ser espectacular. Moito mais que a primeira, pero menos que a terceira [ri]. Hai que estar atentos porque veñen cousas moi bonitas. O que podo contar neste momento é que haberá emoción, vai seguir habendo tiros, haberá moita xente coa que é un gusto traballar. E logo ingredientes característicos, como poden ser a intriga, a comedia e o wéstern. A serie ten todos os elementos para que a xente siga enganchada, e a que non o fixo coa primeira temporada, vai engancharse neste momento.
-Nesta temporada Santos vivirá unha crise de identidade. Como vai lidar con este conflito?
-Despois da vida que levou Santos, e sobre todo do que viviu na temporada pasada, pois decide deixar o crime. En principio, un criminal que quere deixar o crime é bo, pero non sei se será moi bo para el mesmo. Este cambio, el non o leva nada ben e ten moitos demos internos. El vai buscar un traballo honrado pero tamén ten o seus deslices, porque tamén ten que botarlle unha man aos seus amigos. Por outra banda, Santos ten unha filla que está no lado bo de lei e o conflito del é seguir sendo o que foi sempre ou cumprir cos desexos da súa filla, que son que deixe a delincuencia e que vaia polo rego. Xa adianto que vai ser un conflito moi interesante, porque a segunda temporada empeza con Santos retirado e vivindo unha vida de relax, pero vaille durar pouco tempo.
-Botando a vista atrás, Santos chegou na primeira temporada de «Serramoura» e, sete anos despois, segue estando nas pantallas dos espectadores galegos. Seguiría apostando por esta personaxe?
-Por suposto que si. Santos naceu no 2014 dentro do universo de Serramoura, unha serie que nos deu moitas alegrías durante todo este tempo. Eu creo que o acerto foi das persoas que apostaron por esta personaxe e por facer un spin-off dela. A min fixéronme un agasallo marabilloso e creo que contribuíu a que esta personaxe medrase como o fixo e a siga facendo as delicias miñas e de todos os espectadores. Eu apostaría por Santos moitos anos máis [ri].
-O seguimento de audiencia que tivo a primeira temporada foi unha sorpresa para o equipo da serie?
-Sempre tes a dúbida de se á xente interesaralle seguir vendo as aventuras dunha personaxe como Santos fóra de Serramoura, pero tamén é verdade que era unha personaxe moi querida e que por iso tamén foi medrando nesa ficción. E agora mesmo que o público siga querendo ver máis de Santos era algo que eu persoalmente esperaba que fose así e así foi. Estamos moi agradecidos do trato dos espectadores.
-Quen forma parte de «A lei de Santos»?
-Esta nova temporada está chea de novos personaxes moi interesantes que non pasaron nunca por Viladesantos e que van sorprender aos espectadores. E tamén hai personaxes que estiveron en Serramoura e que agora volven aparecer nesta temporada. Sobre as tramas... é mellor velas.
-Por que cre que Santos conectou tan ben cos espectadores de TVG?
-Á xente que viu a primeira temporada dígolles que esta vai estar mellor e obxectivamente o digo. Non hai moito máis que engadir: se vos gustou a primeira, esta vaivos gustar moito máis. Hai moita expectación en redes sociais con Santos.
Volve o wéstern galego, volve «A lei de Santos»
A nova temporada da serie que encabeza o actor Monti Castiñeiras estréase no prime time da Televisión de Galicia o vindeiro domingo 19 de setembro. Na primeira temporada de A Lei de santos, Mario Piñeiro, alias Santos, marchou de Serramoura e volveu á súa vila natal, Viladesantos, co obxectivo de dar o seu último golpe. Pero o seu plan non saíu como agardaba.
O reencontro cos seus antigos veciños fixo que agromasen sentimentos que levaban moito tempo ocultos nalgún recuncho do seu corazón. E, por se iso non fose suficiente, o descubrimento de que tiña unha filla, garda civil de profesión, supuxo un auténtico shock para el. Ademais a inesperada morte de Pancho tralo duro enfrontamento con Antonia, obrigou a Santos a facer unha profunda reflexión sobre si mesmo e o seu futuro. Viuse na obriga de ter que decidir seguir sendo Santos e un temido delincuente, ou deixar a profesión e levar unha vida honrada como Mario Piñeiro. Con moitas dúbidas, Santos decide regresar a Viladesantos coa esperanza de atopar a resposta.
Crise persoal
Este é o punto de partida da nova temporada de A lei de Santos na que, ademais da crise persoal do protagonista, mantén todos os ingredientes da primeira temporada: tramas disparadas, humor e moito wéstern.
Xa en Viladesantos, a súa vila natal, Santos reencontrarase cos seus compañeiros de aventuras, Peixe e Abel; e con Emilia, a filla dun vello amigo que os espectadores coñeceron anteriormente en Serramoura.
A pesar de que Santos os fai partícipes das súas dúbidas existenciais, os problemas que ten Peixe cun perigoso delincuente local colócano ante o seu primeiro dilema: manterse á marxe da situación do seu amigo ou axudalo, aínda que iso supoña verse envolto nun roubo que terá como protagonista o Pazo de Meirás.
Os actores Monti Castiñeiras, Andrés Giráldez, Federico Pérez e Iria Veiga encabezan o reparto da serie, no que se atopan intérpretes como Óscar Allo, Iria Sobrado, Marcos Vieítez, Lois Soaxe, Iris Darriba, Sara Sanz, Paula Morado, Xúlio Abonjo, Victoria Teijeiro, David Seijo, Ana Oca, Roque Ruiz, entre outros.
Na súa primeira temporada, que estivo composta por sete episodios, A lei de Santos acadou unha cota de pantalla do 10 % e unha media de 90.000 espectadores.
A serie conta cun argumento escrito por Carlos Portela e Lidia Fraga, baixo a dirección de Ozo Perozo e Manuel A. Espiñeira.