Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Lidia Veiga, actriz de «A lei de Santos»: «Santos intenta deixar o crime pero non creo que poida facelo»

H. R. REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

.

A actriz interpreta a Uxía, filla do personaxe de Monti Castiñeiras, e é garda civil na vila na que seu pai delinque

26 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A actriz Lidia Veiga métese na pel da personaxe de Uxía, filla de Santos, na serie de Voz Audiovisual A lei de Santos, que emite esta noite a TVG a partir das 23.10 horas.

—No universo da ficción pasou un ano entre a primeira temporada. En que momento se atopa Uxía?

—Está nun momento de cambios porque tanto no ámbito familiar como persoal pasaron cousas importantes. Está nun ambiente moi protexido coa súa nai e co seu tío Constante, co que agora ten máis relación que na primeira temporada porque xa saben que son familia. A maiores, como acaba de cortar con Duarte, está adaptándose a esta nova situación. A Uxía non lle custa estar solteira pero, como non acabou da mellor forma con el, está nun proceso de cambio. E por se isto non fose suficiente, Santos volve a súa vida dunha forma moi concreta e con moitas promesas que xa veremos as chega a cumprir.

—Cal é o reto de Uxía nos próximo capítulos?

—A medida que avanza a serie a vida de Uxía complícase por momentos. Eu penso que o principal é que vai ter que lidar con moitas mentiras. Non quero desvelar quen, pero Uxía sentirase moi enganada e terá que aprender a separar o persoal do profesional. Ao mesmo tempo ela atópase nun momento de madurez do que creo que podemos observar un gran cambio respecto da primeira temporada.

—Que é máis difícil, ser garda civil en Viladesantos ou ter a Santos como pai?

—Sen dúbida o máis difícil é ter a Santos como pai. Nesta temporada a Uxía mestúranse o ámbito persoal co profesional, non pode separar iso de ningunha forma. O que vai ser o dobre de complicado. Uxía ten que seguir cumprindo como garda civil, pero ao mesmo tempo ten que intentar separar o vínculo persoal e familiar que ten con Santos. Uxía é unha gran garda civil, decidida coas cousas claras..

—Pensas que Uxía é un dos motivos polos que Santos quere deixar de ser un criminal?

—Eu creo firmemente en que Uxía é o principal motivo polo que Santos quere deixar a vida criminal. Laura tamén lle tira, pero se el está facendo ese cambio tan serio é por Uxía. Se chega a ser noutras circunstancia non deixaría o crime. Tamén é verdade que no avance do primeiro episodio ao segundo xa vimos que recupera as escopetas, polo que non cre que tarde moito en incumprir a promesa.

—Entón, por que confía en que Santos o consiga?

—Uxía ao principio confía cegamente no seu pai porque agora mesmo non ten unha figura paterna. A volta de Santos fai que ela deposite a confianza cegamente nel, o problema é que non o coñece o suficiente. Non é o caso da súa nai porque ela que xa a advirte de que Santos non é o que parece. Uxía quere crer que vai cambiar por ela pero tamén por el. Eu creo que todas as fillas queremos crer que un pai pode cambiar por nós.

—No episodio do pasado domingo Uxía ten o seu primeiro encontro con Emilia. Pódese dicir que representan o lado criminal e honrado de Santos?

—Emilia e Uxía non van ter unha relación directa nas tramas da serie pero, cando falamos co director da serie, tanto Iris Darriba coma min si que buscamos visualizar á mesma persoa pero desde dúas caras e corpos diferentes, como un anxo bo e un anxo malo, pero veremos que estes anxos vanse fundindo entre eles. Santos considera que as dúas son as súas fillas e vai ser inevitable, tanto por parte de Emilia como pola parte de Uxía, que aparezan celos entre elas.