Olaia Maneiro: «'Terra' é moi Tanxugueiras, ten moita sonoridade e moita forza»
SOCIEDAD
As galegas móstranse moi ilusionadas por coñecer ao resto dos aspirantes
19 dic 2021 . Actualizado a las 09:45 h.A piques de coñecerse as catorce cancións que compiten entre si para representar a España en Eurovisión, Olaia Maneiro, unha das tres cantantes de Tanxugueiras, analizan como se atopa o grupo despois de que o seu tema Terra, estea entre os seleccionados para ir ao Benidorm Fest.
—Como se atopan desde que coñeceron que competirán no Benidorm Fest?
—Moi ilusionadas e moi agradecidas, pero igual ca antes. Seguimos coa nosa vida, simplemente somos algo máis coñecidas.
—TVE optou por revivir un festival de prestixio como o de Benidorm.
—O que máis ilusión nos fai é toda esa xente que nos votou na enquisa de Eurovisión, que confían en nós e que queiran o galego tanto como o queremos nós, que consideramos que o idioma é de todos. Máis que sexa a recuperación dese festival, que tamén é bonito, é que elixan unha canción en galego para optar a representar a España. Encántanos.
—Que supón para o grupo estar entre eses 14 seleccionados?
—O logro xa é estar dentro desas máis de oitocentas que foron presentadas, e agora que nos elixirán a nós, xa é moito. Quedaron artistas moi bos fóra, e loxicamente que valoren a nosa música, cultura e idioma é para agradecer.
—Entre os 14 finalistas hai propostas moi eclécticas, de estilos moi diferentes.
—Estamos moi ledas de coñecelos a todos para facer familia. Nos escoitamos música dunha variedade impresionante en todos os estilos e idiomas. Apostar por distintas músicas sempre é un acerto e estamos encantadas de poder coñecer aos compañeiros e desfrutar e compartir con eles. Como nós estamos fóra de todo iso, entre eles a maioría coñécense, pero nós non. Espero que todos sexan moi riquiños (ri).
—Trátase de sumar experiencias.
—A música está para compartir e para vivila en compañía, nós non concibimos a música para competir, senón para enchernos de sinerxías, cada persoa e cada estilo de música dáche e ti das tamén, para aprender moito uns dos outros.
—Engádelles presión ter sido as favoritas dos fans?
—Damos o mellor de nós, e a xente que nos votou sabe quen somos e como facemos a música e penso que vai gustar moito todo o que levamos. Cando un dá o mellor xa a presión de fóra non lle ten porque afectar. Estamos moi contentas co que facemos, co que aprendemos polo camiño. Se gusta ben e senón seguiremos facendo música, a que a nós nos gusta e nos representa.
—Vense con posibilidades reais de ir en maio a Turín a representar a España en Eurovisión?
—Nós somos persoas que imos pasiño a pasiño, ben ancladiñas na terra, estamos facendo o novo disco e con máis cousas, realmente non nos poñemos trabas a estar en calquera escenario do mundo pero tampouco nos poñemos metas de «temos que chegar aí». Simplemente vivimos o camiño, aprendendo moitísimo. E penso que Tanxugueiras leva recibindo agasallos desde que comezou, que naceu como un grupo sen máis pretensións que loitar pola tradición e poder conservala. Nunca dicimos quero chegar alá, porque xa chegamos moito máis lonxe do que tiñamos en mente.
—En «Terra» hai pandeiretas e é en galego.
—É moi Tanxugueiras. Todo o que facemos facémolo sendo nós mesmas e dando o mellor da nosa cultura. Ten moita sonoridade e moita forza.
—Xa confesaron máis veces que non eran fans do concurso, agora investigaron algo sobre el?
—A verdade é que estamos rodeadas de eurofans e vanche dicindo como vai. Pero este ano como tamén vai ser diferente, imos ao que nos depare a viaxe. É verdade que temos moito traballo e pouco tempo para indagar e imos un pouco a vivir a experiencia.
—Fai unhas semanas vimos unha foto con Rozalén. Hai unha colaboración no horizonte coas Tanxugueiras?
—Nós a Rozalén, como moitos grupos e artistas, fomos contactando entre nós porque ao final respirase tan bo rollo nesas altas esferas, son tan bonitos todos, que a verdade e que mantemos contacto con moitos deles porque son unha guía para nós. Con Rozalén o que facemos é coñecernos moi ben e explicarlle un pouquiño como vai a nosa cultura, sen pretensións de nada máis. Simplemente coñecerse e ver as sinerxías, porque ao final traballar con persoas coas que tes moitas cousas en común pois ao final sempre sae mellor. María Rozalén é moi coma nós e de momento coñecernos e disfrutar do proceso.